O poeta, profesor e columnista Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) foi o gañador da V edición do premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey, convocado polo Concello de Fornelos de Montes.

O xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas, Carme Vidal con Carme Carreiro como secretaria decidiu premiar o artigo títulado “Mentres tanto, dáme a man”, no que o autor “aborda e visibiliza a homofobia desde o relato da vivencia dun mozo que a padece ao longo da súa vida mais tamén denunciando a discriminación e a violencia que se exerce contra as persoas do colectivo LGTB+”.

Ademais, o xurado valorou tamén “a calidade literaria do artigo, con grandes acertos que introducen expresións de fondo alento poético”.

Ismael Ramos publicou os poemarios “Lixeiro” (Xerais, 2021), “Lumes” (Apiario, 2017) e “Os fillos da fame” (Premio Johán Carballeira, Xerais, 2016). Pola tradución ao castelán de “Lumes” (La Bella Varsovia, 2019) recibiu o Premio Javier Morote outorgado polas librarías independentes españolas (CEGAL) ao mellor libro publicado por un autor novo nese ano.

Poemas e libros seus foron traducidos xa unha ducia de linguas e ten participado en festivais e encontros literarios nacionais e internacionais. Colabora habitualmente como columnista de opinión en el Diario.es.