Entrevista | Sheila Patricia Cantante e compositora

“A miña música evolucionou cara unha fusión de sons tradicionais e modernos”

A redondelá vén de finalizar a súa xira por Arxentina e proximamente lanzará novo disco

A cantante redondelá Sheila Patricia.

A cantante redondelá Sheila Patricia. / FdV

Carolina Sertal

Carolina Sertal

É unha das voces da nova canción de autora en Galicia e caracterízase pola súa especial sensibilidade e unha potente presenza do empoderamento na súa música. Nada en Redondela, a cantante e compositora Sheila Patricia vén de finalizar a súa xira internacional por Arxentina e xa está centrada no lanzamento do que será o seu segundo disco: “Orixe”, un traballo que contará con numerosas referencias ao municipio redondelán.

–Vén de finalizar unha xira de practicamente un mes por Arxentina, como foi a acollida?

–Moi boa! A verdade é que foi unha experiencia moi bonita porque por primeira vez puiden facer unha rolda completa polos centros galegos de Arxentina. Nas actuacións estiveron presentes moitísimos galegos e galegas retornados, arxentinos que viviron en Galicia e tamén xente que emigrou e quedou alá. Foi moi emocionante. Unha das anécdotas que máis me chegou foi a do director dunha residencia de persoas da terceira idade, cun centenar de usuarios, e onde todos son galegos, que acudiu a unha das miñas actuacións e xa quedamos en que a próxima vez que visite o país irei até o seu centro para cantarlles aos maiores aqueles cantos da súa terra, porque para eles é unha viaxe volver a escoitalos. Nesta xira abríronse moitas portas e xa estamos argallando unha segunda.

–E xa de volta en Galicia, está inmersa no lanzamento do seu segundo disco; leva moito tempo preparándoo?

–Levo moito tempo, si. Era un traballo que estaba previsto que vira a luz antes de que chegara a pandemia, pero co COVID parouse todo e foi imposible. Decidimos paralo e sacar algúns sinxelos soltos, pero agora xa consideramos que é o momento de lanzalo e temos previsto publicalo o vindeiro mes de abril. Por unha parte, porque tamén xa é hora de ter un disco que acompañe ao que eu estou facendo actualmente, porque cando se publicou o primeiro en 2016, os temas que o integraban xa eran pezas que incluso compuxera con 15 anos, polo que este segundo disco é unha forma de actualizar o traballo que veño facendo dende hai tempo e que son integramente en galego.

–Como definiría a evolución da súa música dende que gravou aquel primeiro traballo até agora?

–Foi un cambio radical. O primeiro é un traballo máis centrado no jazz, no que metemos a banda no estudo e gravamos en directo, sen facer moita maqueta, sen moitos arranxos: así soaban os temas e así os quixemos deixar. En “Orixe”, aínda que o directo soa de maneira semellante, hai unha produción máis elaborada detrás, porque pasamos polo estudo e experimentamos con toda a maquinaria, todo isto acompañado dunha parte que é acústica pura. Están moito máis pensandos os arranxos, mantendo o respecto aos sons tradicionais pero cunha fusión doutros máis modernos.

–En “Orixe” haberá diversas referencias a Redondela, a que se debe?

–Si, hai varias alusións á miña terra, en parte porque este será un disco que está moi inspirado na miña avoa de Cesantes, onde teño parte da miña familia.

–A música tradicional e o folclore galego están vivindo un auxe importante á raíz do fenómeno de Tanxugueiras, pero o certo é que nunca deixou de medrar, como afecta este boom ao resto de agrupacións?

–Tanxugueiras axudounos a todas as persoas que nos dedicamos a isto a que nos viramos reflectidos. Eu levo moito tempo con este traballo, dende 2018, e este tipo de booms non cabe dúbida de que abren portas. A nivel experimental, para min Baiuca ten un peso moi importante e creo que todo comezou con eles.Este tipo de auxes é unha evolución natural e ao final imos tirando uns doutros. Para min, o que pon no foco Tanxugueiras é que a música tradicional galega accede a un mercado comercial e cala na xente nova, que quere frescura e movemento.

Suscríbete para seguir leyendo