Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vida nun campo de concentración

A familia de Santiago Rodríguez Salinas, que acabou afincándose en Redondela, rescata o manuscrito das súas vivenzas nos campos franceses de refuxiados da Guerra Civil

Santiago Rodríguez de miliciano, e á esquerda coa súa dona, Carmen Cunha. Cedida pola familia Rodríguez

“Empurrados sen tregua polo Allez, allez! dos spahis imos percorrendo lentamente o camiño que nos conduce ao extenso areal das praias de Saint Cyprien, onde as autoridades francesas teñen improvisado un inmenso campo de concentración confinado, por un lado, polo mar e limitado, polos outros tres lados do amplo paralelogramo, por un espeso aramado espiñento. Este improvisado campo de concentración carece de instalación de todo tipo. Temos como teito o ceo e por única superficie a area. É un enorme, profundo e desértico areal sen os menores vestixios de vexetación que reflicte os raios solares, cuxa calor se fai insoportable, a pesar de ser aínda época invernal. Para a xente civil, a supervivencia e a acomodación nun lugar tan inhóspito coma este é dura”.

Son as lembranzas de Santiago Rodríguez Salinas, quen naceu en Madrid no ano 1917 e finou na vila de Redondela, en 1985. Logo de estudar na Escola de Artes e Oficios de Madrid, ingresou na Fronte do Exército Popular e participou nas contendas de Teruel e do Ebro, véndose obrigado a fuxir a Francia na primeira quincena de febreiro do 36 e, con tan só 19 anos de idade, pasou a formar parte da longa ringleira de soldados e civís que acabaron nos campos de concentración franceses de exiliados da Guerra Civil española.

Carmen Cunha e Santiago Rodríguez, recén casados paseando polas rúas da Coruña. Cedida pola familia Rodríguez

Saint Cyprien, Le Barcarès e Argelès-Sur-Mer, polo que se calcula que pasaron 100.000 refuxiados españois, foi parte do periplo que realizou Rodríguez Salinas. Así o recolle el mesmo nas súas lembranzas daquela época de terror, barbarie, fame e miseria: “Atopámonos na primeira quincena do mes de febreiro de 1939. Portbou é un fervedoiro de xente onde se mesturan e confunden militares e civís. O posto de mando da miña unidade busca refuxio no túnel do ferrocarril. Os posibles bombardeos aconsellan esta precaución (...) Cargo co macuto e coa manta, fiel e inseparable compañeira do refuxiado, que será a nosa nova denominación a partir de agora, e paso a engrosar a fila que camiña cara á fronteira xunto aos meus compañeiros”.

Da man de editorial Galaxia, a familia de Santiago Rodríguez Salinas vén de rescatar estas memorias sobre as súas vivenzas nos campos de concentración franceses coa publicación do libro “Illote P, Barraca 16”. O seu fillo e actor redondelán, Eduardo Rodríguez Cunha, máis coñecido como “Tatán”, sinala que poder recuperar as lembranzas do seu pai supón para os seus descendentes “cumprir, por unha banda, o soño que tiña el de que foran publicadas e, por outra parte, reivindicar a memoria histórica deste país, de como moitas persoas pasaron a época da posguerra, todo o que sufriron e padeceron. Nós tiñamos o manuscrito e si que llo deramos a ler a coñecidos republicanos e amigos da familia, pero grazas á colaboración de Fran Castro, rescatámolo e fixémolo público porque, persoalmente, creo que debera ser de lectura obrigada para que a xente entenda de que maneira viviron e todo o que padeceron os refuxiados e exiliados españois”, indica.

Debera ser de lectura obrigada para que a xente entenda de que maneira viviron e todo o que padeceron os refuxiados e exiliados españois

decoration

Nin dúbida cabe do importante valor histórico desta publicación que, ademais, conta co hándicap de seren escrita pola propia testemuña de tales vivenzas. Neste senso, “Tatán” destaca que “tivemos unha sorte inmensa de que estas memorias foran escritas por el, porquena casa nunca falaba disto. Logo da guerra, realizou todo un periplo por diferentes campos de concentración franceses até que, xunto a milleiros de españois, foi devolto a España polo acordo ao que chegou Franco co goberno francés. Ao chegar aquí, estivo noutro campo en Reus, sufrindo de novo, e por se non fora suficiente, logo foi obrigado a facer a mili. Todo isto aconteceu dende 1936 até o ano 1943, momento no que xa puido liberarse e comezou unha nova vida en silencio, o cal é comprensible: alguén que padeceu tanto tempo unha guerra e unha persecución deste tipo procuraba non falar, só quería esquecelo”.

Vixencia e boa acollida

“Illote P, Barraca 16” leva ao lector a poñerse na pel dunha persoa refuxiada e o fillo de Santiago Rodríguez Salinas comenta que “a vixencia deste relato está aí se pensamos en todas esas persoas refuxiadas das guerras de hoxe en día, que se instalan en campamentos improvisados, en condicións semellantes ás que viviu meu pai, pasando fame, frío ou calor, e necesidade”.

A publicación está tendo moi boa acollida entre o público galego e proximamente estará presente na Feira do Libro de Frankfurt. Así mesmo, “Tatán” apunta que recentemente púxose en contacto con eles o presidente da asociación Manuel Azaña de Toledo, para achegarlles máis información do seu pai, posto que mantiveron durante anos correspondencia.

Santiago Rodríguez Salinas acabou afincándose en Redondela, porque o compañeiro da súa nai, Alberto Marín Alcalde, foi preso político no campo de concentración da illa de San Simón.

Compartir el artículo

stats