Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel López | Gañador do X Premio Manuel Lueiro Rey de poesía

“Traballei de carpinteiro e aproveitaba para escribir poemas na madeira”

Manuel López Rodríguez. FdV

O xurado do Premio Manuel Lueiro Rey de poesía do Concello de Fornelos de Montes vén de anunciar o nome do gañador da súa décima edición que, nesta ocasión, recaeu no noiés Manuel López Rodríguez polo seu poemario presentado baixo o título “Baixo terra. No ar”. En concreto, o xurado destacou a capacidade do autor para construír unha superposición de dous discursos poéticos que responden a dous planos de conciencia e o poemario sairá publicado o vindeiro mes de xullo da man de Edicións Xerais de Galicia.

–Que temática aborda no seu poemario? Agardaba acadar este galardón?

–Alegreime moito porque é un dos premios máis importantes da nosa literatura e a verdade é que para min foi toda unha sorpresa. No poemario atopamos unha personaxe feminina que interactúa coa voz doutro libro. A un mesmo tempo, esta voz subdivídese e unha correspóndese coa narradora e a outra, a través de pequenos poemiñas, este personaxe procura coñecerse a si mesmo viaxando a través dun río a contracorrente. Emprego a filosofía de que todo no río cambia, de que as augas nunca volven ser as mesmas, e a miña personaxe pretende atopar o que xa é inatopábel. Tenta sandarse a si mesma desandando o río que é a vida e que inevitablemente desemboca no mar, a morte.

–De onde lle vén a súa paixón pola poesía?

–Comecei a escribir poemas con tan só 16 anos, logo de que a miña mestra de Literatura esmiuzara un poema de Rubén Darío na clase. Quedei abraiado na interpretación que ela facía daquel poema e de como deu coas claves que nos axudaron a comprendelo. Aquel día, á noitiña, na xanela da casa dos meus pais escribín o meu primeiro poema e nunca máis deixei de escribir. No instituto tamén tiven a sorte de rodearme dun grupo de amigos no que algúns escribían, outros debuxaban... E dalgunha maneira fomos tirando uns doutros.

–Pode considerar este galardón como un recoñecemento a toda esa traxectoria?

–Sen dúbida. Hoxe estou a piques de cumprir os 44 anos, malia que nunca deixei de escribir, o certo é que nos últimos anos concentráronse unha morea de premios que non deixaron de sorprenderme. Malia que a miña poesía foi mudando co paso do tempo e hoxe non ten nada que ver con aquelas composicións iniciais, débolle moito a aqueles primeirísimos poemas de aprendizaxe.Para min escribir non deixa de ser un oficio, pouco remunerado, iso si, pero ao fin e ao cabo é unha maneira de vivir, porque as miñas relacións persoais ou experiencias só son capaz de velas a través do prisma da poesía. É un modo de vida.

–Na actualidade, dedícase exclusivamente á escritura ou ten que compaxinala con outra profesión?

–A profesión que teño na actualidad escollina precisamente porque me permitía seguir dedicándolle tempo á poesía. Para min non podería ser doutra forma. Houbo unha tempada na que traballei de carpinteiro e o taller quitábame tempo, aproveitaba calquera intre para, cos lápises de carpinteiro, escribir poemas na madeira. Por iso para min era importantísimo ter un oficio que me permitira compatibilizar un soldo digno e a poesía.

–A poesía é un xénero literario que moitas veces provoca certa reticencia, a día de hoxe continúa sendo así ou xa se logrou rachar esa barreira?

–Hai que rachar esa barreira, pero non a conta da mediocridade. Penso que calquera persoa pode achegarse á poesía e saber detectar se o ritmo do poema, a cadencia, o son e incluso a súa percusión, é algo que lle gusta ou non, ao igual que unha canción. Non necesariamente hai que entendelo.

Compartir el artículo

stats