Imaxinan un espazo natural no que embeberse da cultura galega en todas as súas vertentes? Unha sorte de parque forestal do noso, onde gozar da literatura, das artes escénicas, visuais e plásticas e, por suposto, do medio ambiente? E todo en galego?

Iso será o primeiro Bosque da Lingua, un ambicioso proxecto que bota a a andar en Gondomar da man da comunidade de montes máis internacional do municipio, a que acadou un premio da ONU e quedou nominada para o Elinor Ostrom da Universidade de Arizona, a de Couso. Conta coa colaboración co colectivo de custodia do territorio Verdeval e co Instituto de Estudos Miñoráns. As tres entidades unen os seus esforzos para crear o novidoso enclave nun recinto de 40.000 metros cadrados no Monte das Rasas. Precisan 21.655 euros e, para acadalos, veñen de lanzar unha campaña de micromecenado.

O espazo, de 40.000 metros cadrados, contará con con parque infantil e anfiteatro

“Cada doazón será un xeito de implicarse no fomento da cultura ambiental, aberta ás persoas e á humanidade, co obxectivo de preservar a conservación da natureza, de difundir e vivenciar o noso patrimonio cultural, e particularmente o noso idioma”, explica Xosé Antón Araúxo, presidente dos comuneiros de Couso, pioneiros en toda clase de iniciativas para diversificar os usos do espazo forestal.

Amais de loitar contra especies invasoras e propagadoras do lume coma o eucalipto e a acacia con xornadas arrincado que teñen achegado á zona a ducias de voluntarios, cultivan setas shiitake e froitos vermellos para a venda e transformación en patés ou marmeladas con gran éxito no mercado. Os beneficios reinvístense sempre no monte e no disfrute dos veciños, con instalacións coma a piscina comunitaria a partires dunha vella presa de regadío ou o Bosque das Memorias, un lugar onde honrar aos seres queridos que xa non están con árbores e lápidas en plena paisaxe natural.

Agora queren dar un paso máis. Trátase de mellorar a vida cotiá da parroquia, pero tamén de ofrecerlle algo útil ao resto de Galicia, para que as novas xeracións coñezan mellor a súa cultura. Aprender xogando é a máxima que seguen recoñecidos métodos pedagóxicos como o Montessori e o Bosque da Lingua vai seguir esa liña, para todas as idades.

O espazo incluirá un parque de xogos con elementos de madeira integrados na paisaxe. Haberá unha zona de asemblea con tocóns para conversar, bancos de madeira, mesas cubiles, conxuntos de troncos, cociña-laboratorio, mesas de experimentación, casiñas, unha mámoa-túnel, pasarelas e ata un “hotel de bichos” no que observar o comportamento dos insectos.

Haberá paneis con textos de autores galegos, códigos QR con información e unha "app" específica para guiar as visitas libres

Para o público xeral, haberá un anfiteatro para espectáculos, áreas de investigación, lugares de creación, paneis e sinalizacións de recursos naturais, obradoiros, zonas de xogos, mapas, árbores literarias, árbores da arte... Serán recursos que podan aproveitar tanto os centros educativos da contorna coma os de todo o país con visitas guiadas, ou ben persoas ou grupos que se despracen ata alí por libre. Para axudarlles a disfrutar do entorno atoparán códigos QR e mesmo crearán unha aplicación móbil específica.

Como entidade membro do rexistro de áreas conservadas por comunidades locais (ICCA) da ONU, a comunidade de montes pretende aplicar os principios da Axenda 2020/2030 das Nacións Unidas no deseño desta proposta: educación de calidade, a igualdade de xénero, a auga limpa e o saneamento, enerxía asequible e non contaminante, traballo decente e crecemento económico, cidades e comunidades sostibles...

No Bosque da Lingua presentaranse libros, organizaranse lecturas colaborativas, contacontos, espectáculos de todo tipo, obradoiros...

O propio lugar está cargado de simbolismo da sustentabilidade. Toda unha mostra da defensa do medio ambiente, xa que foi antiguo vertedoiro de entullo que o grupo Verdeval rexenerou con árbores autóctonas coma castiñeiros, acivros ou érbedos. Despois de seis anos de traballo a pé de campo en espazos coma este das Rasas, o colectivo pasará a formar parte activa do Bosque da Lingua, tanto no deseño coma na actividade posterior, guiando visitas ou organizando actividades ambientais, segundo explican os seus portavoces Antón García, José Cristos e Juan Carlos Vilariño.

Da parte lingüística e literaria encargarase a sección de Promoción e Uso do Galego (PUGA) do Instituto de Estudos Miñoráns. No Bosque da Lingua presentaranse libros, organizaranse lecturas colaborativas, obras de teatro, de creación literaria, recitais poéticos, contacontos, biblioaventuras, cine ambiental, xogos tradicionais, campamentos...e o que xurda.

AS DOAZÓNS TEÑEN PREMIO


Todo isto require recursos económicos. Para cubrir o orzamento calculado de 21.655 euros, as entidades implicadas fan un chamamento á sociedade a colaborar con doazóns a través da páxina web montesdecouso.gal.

Os comuneiros queren compensar o compromiso daqueles que decidan aportar o seu gran de area e propoñen paquetes de bens ou dereitos. Por 10 euros obterase unha entrada para un futuro concerto de música tradicional e unha mención no Bosque da Lingua. Por 30 acadarase unha entrada, unha mención e dous botes de marmelada. Por 50, a entrada, a mención, os botes de marmelada e un tronco para o cultivo de shiitake na casa. Por 100, todo iso e máis unha autorización para usar a piscina veciñal durante 5 anos e un bote de paté de shiitake. Por 200 euros terase dereito a un espazo fúnebre no Bosque das Memorias. E por 300 poderase acceder a todas esas vantaxes.