Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio García | Presidente de Andaina

“A pandemia do COVID agrava as necesidades das persoas con diversidade funcional”

Andaina cumpre dez anos prestando atención a veciños de Redondela con diversidade funcional

Antonio García portando un paraugas de cores con motivo da iniciativa "Baixo o mesmo paraugas". FdV

Con motivo do seu décimo aniversario e coincidindo coa conmemoración do Día da Diversidade Funcional, que terá lugar mañá, a Asociación Andaina vén de programar unha semana completa de actividades en Redondela para dar visibilidade ás necesidades das persoas con diversidade funcional do municipio. O presidente da entidade, Antonio García, afonda na realidade que viven actualmente.

–Cales son as principais actividades que centran a programación de Andaina nesta ocasión?

–Principalmente estamos levando a cabo unha campaña de sensibilización con mesas informativas para dar a coñecer a nosa asociación e tamén dando visibilidade ás persoas con diversidade funcional, que son as que teñen que ter voz, realmente. Hoxe inauguramos no Multiusos da Xunqueira a exposición “10 anos camiñando” na que a través de fotografías, dende a nosa mirada, poñemos en valor todo o traballo feito até o de agora. Mañá teremos un acto institucional e o domingo, ás 18.30 horas, levaremos a cabo unha gala de premios coa novidade de que imos mudar as bases para o ano e dirixir unha campaña ao comercio de Redondela. O obxectivo é premiar a aqueles negocios comprometidos coa accesibilidade e a inclusión.

–Mudaron as necesidades ou reivindicacións coa irrupción da pandemia do COVID?

–As nosas reivindicacións seguen sendo as mesmas: Precisamos que as administracións fagan súa esta loita pola inclusión das persoas con diversidade funcional. A sociedade está máis sensibilizada, pero fai falla un compromiso real. Con respecto ás necesidades, a pandemia do COVID agravounas, porque por exemplo, no eido educativo, cos grupos burbulla e falta de reforzo nos centros escolares, a desconexión para as crianzas con diversidade funcional foi brutal.

–Andaina celebra este 2021 o seu décimo aniversario, que balance fai deste tempo á fronte da asociación?

–O balance é moi positivo. Empezamos sendo un par de pais e nais e hoxe en día temos moito traballo, conseguimos por fin un espazo propio que se axusta ás nosas necesidades e no que podemos ofrecer servizos de mellor calidade. O gran problema témolo no eido laboral, xa que para contar con traballadores temos que depender de subvencións e se non se renovan, estamos na corda frouxa.

–A cantas persoas presta asistencia a entidade no concello de Redondela a día de hoxe?

–Na actualidade prestamos atención a un total de 44 familias do concello de Redondela e no último ano detectamos un repunte; notamos que precisan máis información e tamén máis axuda.

Compartir el artículo

stats