Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xulia María Barros | Escritora

“Temos que escoitar aos maiores; eles son a nosa memoria”

A escritora redondelá Xulia María Barros. Aitor Ramos

A Casa da Cultura de Redondela acolleu onte a presentación do libro “A árbore dos Vagalumes”, editado por Belagua e escrito pola autora redondelá Xulia María Barros, no que afonda na memoria histórica dende a mirada poética dun avó e o seu neto. Malia que foi publicado en plena pandemia, a nova obra de Barros xa esgotou a primeira tirada e o vindeiro 27 de novembro terá presenza na Feira das Industrias Culturais - Culturgal de Pontevedra.

–Que historia poden descubrir os lectores no libro “A árbore dos Vagalumes”?

–Este é un libro con ilustracións de Diego Salgado e escrito dende a ollada dun cativo de dez anos sobre a relación tan bonita que ten co seu avó, até que este enferma de alzhéimer, e o neno vai descubrindo pouco a pouco as historias que xiran ao seu arredor, entre elas, a da illa de San Simón. Para o pequeno o avó é como unha especie da mago que converte as pólas das árbores en bastóns máxicos e arpas, e o vínculo coa memoria histórica está en que a enfermidade do alzhéimer provoca a perda de memoria individual, pero existe tamén outra perda da memoria que é a colectiva, como a que hai sobre o que aconteceu na illa de San Simón na Guerra Civil e durante o franquismo. En ambos casos está presente a enfermidade do esquecemento.

–Considera que a memoria histórica sobre a illa de San Simón está recuperada ou aínda queda moito por facer?

–Sen dúbida queda moito por facer, pero afortunadamente na actualidade hai moitos escritores e escritoras que están traballando ao respecto e intentando recuperar esas historias que durante tanto tempo estiveron ocultas por ese pacto de silencio que houbo para non falar do tema. Hai que ter en conta que o franquismo educou a moitas xeracións e penso que hai que darlle voz a aquelas testemuñas para que a memoria da illa acade o lugar que merece. Recentemente aínda escoitei a unhas mulleres maiores dicir que os asasinatos e as mortes daquela eran mentira, por iso é importante visibilizar este realidade.

–Respecto a publicación, como xorde a idea de afondar na memoria histórica a través dunha mirada infantil?

–Por unha banda, a historia xorde porque un día a miña filla apareceu na casa cun deses bastóns máxicos. Aquel avó que recollía madeira no monte e a convertía en obxectos fermosos existe, e a súa personalidade está inspirada na da miña avoa. Por outra parte, neste conto se transmite a importancia que ten escoitar aos maiores, porque eles son a nosa memoria. Esa sabedoría que teñen as avoas e os avós, para min son a nosa herdanza máxica, e logo da pandemia, aínda teñen máis valor. Temos que recuperar aquela tradición de sentarnos a escoitar aos nosos velliños, porque son o noso mapa de ruta, porque todo está cimentado sobre a súa memoria.

–Cunha primeira tirada esgotada, está satisfecita coa traxectoria do seu novo libro?

–Malia que non puiden facer presentacións físicas, a primeira en Redondela aínda foi onte, o certo é que si estou moi contenta coa acollida que está tendo, porque está gustando. E non só está gustando aos máis pequenos, senón que me ocorre que veñen os pais co exemplar para que llo asine, porque lles encantou, e en parte ese tamén era o obxectivo desta obra.

Compartir el artículo

stats