Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Falar de cabalos en galego 100%

O filólogo, profesor, edil e criador de equinos ponteareán, Fernando Groba, compila preto de 38.000 termos e expresións propias do galego para referirse aos équidos

O filólogo, profesor e concelleiro Fernando Groba, coa súa tese e dous dos seus cabalos. | // ANXO GUTIÉRREZ

Amante e criador de cabalos desde neno, o filólogo, profesor e concelleiro de Cultura e Lingua de Ponteareas (BNG), Fernando Groba Bouza, decatouse de que para referirse a certas partes dun equino, tanto el como outros afeccionados non tiñan máis remedio que empregar castelanismos ao descoñecer a existencia do termo en galego. Ese foi o xerme da súa tese de doutoramento: “O léxico da hipoloxía no galego oral”, presentada na Universidade de Vigo en decembro de 2020, acadando a cualificación de sobresaínte “cum laude”.

Á parte máis branda e flexible do casco da pata do cabalo, que ten forma piramidal, tanto el como o seu entorno adoitaban chamarlle ranilla , en castelán. Grazas á súa investigación sabemos que en galego existen dúas unidades denominativas para esa parte precisa da extremidade: almofada do casco ou corazón do casco. Este só é un dos moitos exemplos que descubriu este filólogo tras percorrer 85 concellos galegofalantes de Galicia, Asturias, León e Zamora, así como pobos de falas portuguesas estremeiras.

Para dar nome aos distintos tipos de equinos, ás súas partes do corpo, problemas de saúde ou posibles curas, Fernando Groba entrevistou a máis dun cento de especialistas galegofalantes do ámbito dos equinos; veterinarios, ferradores, monitores de equitación, criadores... E someteunos a máis dun cento de preguntas.

Na súa investigación de sete anos, descubriu preto de 38.000 palabras e expresións distintas para referirse a aspectos moi precisos do sector dos équidos. Agora sabe que da súa divulgación depende que estas verbas non queden no esquecemento.

A creación dun dicionario para recoller toda a terminoloxía recompilada é un proxecto que non descarta Groba nun futuro, aínda que recoñece que esa iniciativa debería contar co impulso dunha editorial. “Se estas unidades denominativas do galego non chegan ás novas xeracións que se forman nos clubs hípicos de Galicia corren risco de desaparecer” explica o filólogo, quen considera esencial para esa labor a implicación da Federación Hípica Galega.

Ponteareán de nacemento pero veciño das Neves na actualidade, onde é profesor no instituto, Fernando Groba é dono de tres cabalos de pura raza galega e para el “montar é sinónimo de liberdade”. Así mesmo cre que “limparlle ao cabalo axúdache a ser humilde”.

Compartir el artículo

stats