O Instituto de Estudos Miñoráns convoca o concurso fotográfico Paisaxe e Territorio, no que a Serra da Groba e o Monte Galiñeiro serán protagonistas. Unha iniciativa que pretende ser punto de encontro para afeccionados á fotografía e sensibles ás temáticas relacionadas co medio, co entorno e co patrimonio natural.

Haberá dous premios: un que outorgará un xurado integrado por fotógrafos profesionais, dotado con 250 euros, e outro do público, dotado con 150, que se lle concederá á imaxe que máis votos acade en Facebook, onde se colgarán as fotos participantes. Revelaranse en 40x60 as dúas imaxes premiadas, e en 30x45 as dos 2 accésits de xurado e pública que tamén se seleccionarán. Todas elas se publicarán na revista do IEM, xunto coas 14 finalistas.

Os interesados en participar, maiores de idade, poderán presentar os traballos ata o día 14 de novembro por correo electrónico a oficina@iem.gal cos datos persoais. O periodo de votación a través de Facebook irá do 17 ao 21 de novembro e a entrega de premios e a inauguración da exposición fotográfica está prevista o 17 de decembro no auditorio de Nigrán. As bases pódense consultar na web www.iem.gal.