“Xela Arias e as palabras” é o título do proxecto didáctico co que o CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro resultou gañador, dentro da categoría de centros de Primaria, no Concurso-Exposición arredor da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021, que organizaba a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Froito deste proxecto didáctico, o alumnado do centro escolar redondelán elaborou dez fermosos e orixinais carteis para difundir a vida, a obra e o traballo da Xela poeta, editora e tradutora a prol da nosa lingua e a favor da difusión da cultura.

Agora estes cartaces están na sala infantil da biblioteca que leva o nome da autora, no Multiúsos de Chapela. Dende as bibliotecas redondelás felicitan ao CEIP Porto Cabeiro por este premio, e danlles as grazas por potenciar a figura de Xela Arias.