Un grupo de persoas da bisbarra xuntáronse onte nos xardíns do antigo Gran Hotel de Mondariz Balneario, coñecido coma Praza dos Fundadores, para conmemorar o Día da Patria Galega.

No acto interviu o grupo de gaitas O Sondo río. A nena Lucía Acuña Pérez e a moza Andrea Arjones Melón leron textos de recoñecidos escritores galeguistas.

Todos estiveron de pé, agás un home que asistiu depositando o seu peso nun dos bancos de madeira do xardín: Enrique Peinador Lines, o empresario que fixo posible que se xuntaran durante moitos anos importantes figuras do galeguismo nesa vila, considerada berce do galeguismo. Aínda que Peinador Lines finou no 1940, a súa estatua parece vixiar dende xa hai algúns anos as cousas que pasan por alí.

Onte o alcalde, Xosé Antonio Lorenzo, un dos rexedores máis veteranos de Galicia e que noutrora era parte pública da corrente galeguista do Partido Popular, da que se fala pouco hoxe malia que permanece viva, fixo un discurso moi emotivo no que reivindicou a figura deste empresario na explosión galeguista do século pasado, denantes do golpe do 36 e da Guerra Civil. “Cómpre recordar”, dixo o alcalde, “que no primeiro terzo do século pasado as instalacións do hotel recibiron e acolleron, a aqueles homes, maioritariamente homes, que deseñaron as bases para artellar o proxecto dunha Galicia, que hoxe é o que é grazas a todos eles”. Referiuse así á Real Academia Galega, ao Seminario de Estudos Galegos, Sociedades Agrarias, primeiros congresos de Oncoloxía polo profesor Nova Santos, entre outras iniciativas que partiron de reunións en Mondariz Balneario.

O acto concluíu cunha ofrenda floral a Enrique Peinador. O propio alcalde puxo na estatua un ramo como símbolo da Galicia que floreceu naquela xeración.