“Os parques eólicos deixarán uns montes esmorecidos. Será a definitiva morte da Serra da Groba”. A rotunda mensaxe de Xilberte Manso arrancou os aplausos do milleiro de persoas que se achegou onte ao cumio de Baiona para defender un espazo único en Galicia pola súa riqueza natural, paisaxística, ambiental e patrimonial.

Todos xuntos berraron contra os 48 xigantescos muíños plantexados nos montes que envolven as comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor. E todos camiñaron dous kilómetros tralas pancartas da plataforma SOS Groba e do Instituto de Estudos Miñoráns, os convocantes, e dalgúns dos 60 colectivos que respaldaron a protesta.

Clamor multitudinario contra el parque eólico en A Groba

Clamor multitudinario contra el parque eólico en A Groba Ricardo Grobas

Manso é un dos voceiros das entidades organizadoras da marcha e alertou os presentes da “destrución” que suporán para os montes de Baiona, Oia, Tomiño e O Rosal os sete parques propostos que a Xunta está a avaliar. “Pensade por un momento no que supón subir ata os altos da Serra da Groba estas máquinas de 220 metros de altura e o que supón montalas. Serán necesarios quilómetros de novos viais que quedarán como cicatrices incurables sobre a pel da Groba e explanadas de máis de 6.000 metros cadrados por cada muíño. E se iso non fose abondo, virán acompañados de torres meteorolóxicas, subestacións eléctricas, unha fábrica de formigón e centos de quilómetros de gabias e tendidos eléctricos aéreos”, argumentou.

A mobilización contou co apoio de cinco gobernos municipais. A organización convidou todos os concellos afectados polos proxectos. As alcaldesas de Tomiño e O Rosal e o alcalde de Baiona puxéronlle voz a parte do manifesto que pechou a protesta, aos pés da antena meteorolóxica que Acciona instalou hai uns meses. En representación de Nigrán fíxoo o tenente de alcalde ao atoparse confinado o rexedor.

A rexedora tomiñesa, Sandra González animou os presentes a impedir “a transformación da Serra da Groba nun polígono industrial”. “Hoxe en Galicia”, dixo, “116 concellos, o 80% de carácter rural, acollen 4.026 aeroxeradores. 25 anos despois, estes concellos perderon poboación e as axudas aos custos da electricidade son ridículas. Mentres vemos como destrúen o noso territorio, somos o terceiro país de Europa que paga a electricidade máis cara”, suliñou. "Non será que o trato de favor que reciben estas empresas xustifica a existencia de portas xiratorias por onde excargos políticos e ministros acaban nos seus consellos de administración?”, rematou.

A alcaldesa advertiu de que “nos queren roubar recursos como o patrimonio histórico”. “A Serra da Groba acolle a maior densidade de xacementos arqueolóxicos de Galicia”. “Son as obras dos antepasados de hai miles de anos que que nos amosan un estilo de vida singular que forxou un legado etnográfico único”, indicou. Nese senso, referiuse ás “1.500 cabezas de garranos”, que habitan na Serra da Groba, a máis grande e xenuina poboación de cabalos salvaxes do mundo.

Á grande riqueza natural dos montes miñoráns e miñotos aludiu a rexedora do Rosal, que falou dos necentes, regatos, fervenzas, pozas e humedais da Serra da Groba que garanten as reservas de auga nos meses de verán. Incidiu tamén na necesidade de protexer este espazo. Precisamente os deputados do BNG que defenderon xa en varias ocasións a protección da Groba no Parlamento galego tamén participaron na andaina: Ana Miranda, Luis Bará, Carmela González e Alexandra Fernández.

A “escura” tramitación dos proxectos en plena pandemia foi a principal queixa do alcalde baionés, Carlos Gómez. O tenente de alcalde nigranés, Rubén Rial, suliñou o enorme valor paisaxístico que “non é respectado polo capital depredador, que despreza a nosa identidade, as nosas vidas”.

Pechou as intervencións Martina, unha moza alumna do IES Val Miñor que pediu “segiur viviendo nos fermosos Baixo Miño e Val de Miñor, coas súas paisaxes, coa súa natureza”.