Hai dous anos que o Concello lle adicou o parque a carón da escola na que impartiu clases, na Avenida Val Miñor, pero aínda son moitos os veciños que descoñecen a historia do mestre republicano Vázquez Grela e o brutal asasinato do que foi vítima a mans de falanxistas o 12 de setembro de 1936. Por iso o goberno municipal decidiu adicarlle este ano o seu Mes da Recuperación da Memoria Histórica e instalar alí mesmo, no espazo público que leva o seu nome, un panel informativo onde se pode ler o que ocorreu con aquel comprometido profesor. As restriccións do Covid impediron destapalo nun acto público e os dirixentes municipais fixérono onte en presencia de familiares.

Os nigraneses máis vellos aínda lembran o carácter solidario de Vázquez Grela desde que chegou a Nigrán en 1932. Era orixinario de Ames, no Concello coruñés de Padrón, e emigrara a Bos Aires con 12 anos, onde coñeceu a súa dona, Josefa Iglesias, coa que tivo seis fillos. Despois duns anos en Cuba, volveu a Galicia e aprobou as oposicións de mestre nacional. Tras dar clases en varias poboacións, acabou os seus días en Nigrán.

Na escola local fixo propios os principios do ensino republicano de alfabetización universal e no ámbito político tamén amosou moita actividade. Mesmo foi un dos organizadores do mitin a favor do Estatuto de Autonomía que se desenvolveu en xuño do 36 nas Angustias, onde sería axustizado pouco despois. Unha xuntanza que contou coa presenza e o discurso do máximo expoñente do galeguismo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Pero o levantamento militar fixo que trocara, en apariencia, a súa ideoloxía para salvar a vida. Achegouse ao novo réxime e á igrexa, pero non lle serviu de nada. Case dous meses despois de comezar a guerra, un garda civil e tres falanxistas irrumpían na súa aula e levábano coa bata de mestre posta. A mesma que vestía horas despois o seu cadáver deitado nunha cuneta, envolto nun regueiro de sangue. Os represores metérano nun coche camiño das Angustias e fixéranlle baixar coa excusa de ir ver ao cura. Cando botou a andar dispararon. Os tiros escoitáronse desde a escola. Tiña 50 anos.