Volta á loita contra os eólicos unha década despois

Gondomar garante a protección do Galiñeiro no PXOM fronte aos 13 muíños proxectados e o IEM chama a loitar contra estes e contra os 44 previstos na Groba

Os directores do IEM Xulián Maure e Carlos Méixome terman da Medalla de Ouro de Baiona con Xilberte Manso e o alcalde de Baiona á esquerda e Xosé Lois Vilar e Antonio Soliño á dereita.

Os directores do IEM Xulián Maure e Carlos Méixome terman da Medalla de Ouro de Baiona con Xilberte Manso e o alcalde de Baiona á esquerda e Xosé Lois Vilar e Antonio Soliño á dereita. / // Jose Lores

Val Miñor

O parque eólico "Albariño 1" proxectaba alá polo 2007 un total de 21 aeroxeneradores de 123 metros de altura na Serra da Groba pero a presión da cidadanía miñorana a través do colectivo SOS Groba foi quen de facer que a compañía retirara a proposta. Pouco despois creouse outro movemento social contra o espallamento dos muíños de vento polos montes miñoráns, esta vez no outro extremo do Val. A empresa Terra e Vento plantexáballe á Xunta a instalación dunha vintena de torres con aspas no monte de Vincios, pero a forza plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro tamén tumbou aquela iniciativa. Unha década despois, os proxectos que o Goberno galego ten enriba da mesa propoñen 44 muíños de máis de 160 metros na Groba e outros 13 no Galiñeiro. As dúas plataformas volven á loita e o Instituto de Estudos Miñoráns, que forma parte delas como entidade defensora do patrimonio material e inmaterial de todo tipo da comarca, chamou onte á cidadanía da contorna a salvar os seus espazos naturais "dunha industrialización abusiva das nosas serras amparada nun modelo enerxético que nace malparido".

Así o reclamou o arqueólogo e vicedirector do IEM, Xosé Lois Vilar, no acto de entrega da Medalla de Ouro do Concello á entidade cultural pola súa traxectoria de traballo a prol da investigación e divulgación da cultura miñorá. "Enerxías limpas e renovables si, pero non a calquera prezo e non sen a participación da cidadanía. Dirixentes políticos e cidadáns do Val de Miñor temos que definir, deseñar determinar en que Val de Miñor queremos vivir nós e os que veñan despois e hai que facelo xa e iso pasa polo deseño urbanístico, de servizos, polo trato real, non ficiticio nen inmediato do noso patrimonio cultural e natural. Pasa polo diálogo. Aquí nos tedes", subliñou nun reivindicativo discurso que quixo deixar clara a faceta de denuncia pública do IEM, un equipo de persoas comprometidas que, amais de investigar de divulgar todos os aspectos -histórico, lingüístico, natural, económico, político, entre outros- da comarca, participa nos seus movementos sociais.

Precisamente onte tamén, o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, garantiu que o Plan Xeral de Ordenación Municipal outorgaralle a máxima salvagarda ao Monte Galiñeiro ao declaralo solo rústico de especial protección. "Alonxado de eólicos e de excavacións de terras raras, etc, queremos que permaneza por moitos séculos", dixo.

O rexedor quixo deixar clara a intención do seu goberno despois de que a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro denunciase publicamente que o PXOM gondomarés non protexe o monte, senon que o inclúe como zona de interese eólico. Ferreira aclarou nese senso que o borrador remitido á Consellería de Medio Ambiente "recolle todas as incidencias previsibles que poden ter os plans sectoriais e territoriais existentes, pero iso non quere dicir que a ordenación urbanística que deseñemos vaia permitir parques eólicos ou outras explotacións".

TEMAS

  • albariño
  • Altura
  • Cultura
  • parque eólico
Tracking Pixel Contents