O xurado do certame galego de teatro Xuventude Crea seleccionou aos nigraneses Teatro do Ar como finalistas da edición deste ano. O concurso que pretende premiar a creación artística da xente nova na comunidade recoñece a traxectoria artística dun grupo de rapaces que desde que comezaron a subir aos escenarios na etapa escolar no colexio Arquitecto Palacios de Panxón non pararon de crecer como artistas.

Teatro do Ar chega á final da categoría de teatro do certame coa súa obra "lume, unha creación do director do grupo, Pedro Rodríguez. Unha peza inspirada no "realismo máxico que nos rodea en Galicia", segundo explica o propio autor, que considera o recoñecemento como "unha marabilla que nos anima a seguir soñando e contando historias a través do teatro".

A agrupación nigranesa representará a súa obra na final, que terá lugar no Salón Teatro da capital galega o vindeiro día 27de outubro, onde o xurado decidirá os gañadores do concurso. "Nós xa gañamos, agora imos a Santiago pasalo ben", explican os integrantes do grupo.

A compañía miñorana agradécelle á música Lucía Doval a composición da banda sonora da obra e a Martina Mourelle a Ana Isabel Barros a creación de parte do vestiario. "Sen elas non estariamos onde estamos", subliñan.