A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o patrón maior da confraría San Xoán de Cesantes, Xoel López, asinaron un convenio de colaboración para a galeguización da lonxa. O acordo permitirá que a lonxa de Cesantes inicie un proceso da normalización do galego contando co asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística do Concello (SNL).

Este convenio permitirá introducir e consolidar a lingua galega nun espazo onde o galego "é a lingua habitual na fala pero non na documentación escrita nin na rotulación da lonxa", xustificou a rexedora.

O goberno local considera que este tipo de acordos son altamente positivos "posto que a propia sociedade civil é partícipe do proceso de normalización lingüística".

Desta manera, segundo apuntou a alcaldesa, "conseguimos implicar a máis persoas e colectivos nunha tarefa común como é fomentarmos o uso do galego".