A "biodiversidade" da rede suma unha nova especie nacida en Gondomar. Son os "letubers", unha sorte de individuos que se unen á comunidade virtual dos "youtubers", "instagramers"e "influencers", aínda que con propósitos ben distintos. Queren marcar tendencia, si. E mesmo acadar milleiros de "followers" se os internautas o tiveran a ben. Pero a súa mensaxe non fala de moda, marcas, videoxogos nin de ningún produto co que gañar diñeiro grazas á publicidade. Eles son embaixadores da lectura en xeral e dos libros que lles gustan en particular. Por que? Porque aman a literatura case desde que naceron e porque pensan que é a mellor ferramenta para pasar estas semanas de confinamento. Polo de agora son nove, todos rapaces de entre 7 e 11 anos, que forman parte dun dos oito clubes lectores da asociación Espazo Lectura,un referente na divulgación cultural e literaria da comarca miñorana cunha morea de actividades fixas que moven máis de 300 persoas. Pero nos vindeiros días serán moitos máis.

"#quedonacasalendocontigo" é o "hashtag" -unha suma do lema máis estendido nas redes para loitar contra o coronavirus e do nome do clube de lectura que os reúne cada mes- baixo o que Espazo Lectura subiu á súa web os vídeos destes pequenos "letubers" coas recomendacións literarias para pasar a cuarentena da mellor maneira. "É unha fermosa iniciativa das familias que permite que nos acheguemos aos amigos e amigas do club a través das súas lecturas favoritas", explica Beatriz Núñez, a presidenta da entidade.

EN DIRECTO

Coronavirus en Galicia: última hora

Sigue las noticias sobre la incidencia de la pandemia del Covid-19 en la comunidad

Cada día desde o venres, un dos lectores do clube Lendo Contigo publicou a súa grabación. Comezou Comba falando do libro "Animalia", de Xosé Tomás. Seguiuna Maite, que escolleu "Poemar o mar" de Antonio García Teijeiro para conmemorar ademais o Día Mundial da Poesía o sábado 21 de marzo. Vera optou pola banda deseñada con "Astro-Rato e Lampadiña", de Fermín Solís, e Sanabela aconsella a premiada aventura máxica"A balada dos unicornios", de Ledicia Costas. André aposta polos dous volumes de "Mil cousas poden pasar", de Jacobo Fernández Serrano. Os nenos atopáronse coa sorpresa da resposta agradecida deste último autor e aproveitaron a comunicación para pedirlle máis obras da saga de "Marcopola" . Onte seguía coa lista de consellos Inés, que chamou aos seus amigos a ler "Tres princesas namoradas", de Ángeles Ferrer.

A fórmula motiva os rapaces a compartir as súas preferencias e a amosar canto lles gusta ler desde o sofá da casa ou mesmo desde a cama e está a resultar un éxito que "probablemente estendamos a outros clubes de lectura", avanza Beatriz Núñez.Faltan Marcos, Paula e Teo por publicar as súas grabacións. E a continuación serán máis "letubers", de todas as idades, os que continúen coa campaña ou con algunha iniciativa similar.

A asociación trata de aportar o seu gran de area ao entretemento de nenos e maiores nestes días de encerro e os seus dirixentes publican na web enlaces a editoriais ou plataformas que liberaron as súas publicacións nestes días e preparan "algunha cousa máis" para axudar os seus seguidores nestas semanas. Tratan de manter a súa ampla actividade, aínda que o confinamento impida reunir os clubes Contos en Cueiros (para bebés), Contomar ( ata 6 anos), Os mércores na Casa da Lectura e Comando Le (adolescentes) ou os dirixidos aos maiores: Sete Vidas (narrativa), Lecturas Debuxadas (cómic) e Daquelas que len, de textos feministas.

Por todos estes grupos estables e polas variadas citas culturais que organiza ao longo do ano na vila e arredores, Espazo Lectura recibiu, ao longo dos seus doce anos de historia, premios como o Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural, o de Dinamización Cultural da Editorial Everest ou o Irmandade do Libro na modalidade de fomento da lectura da Federación de Libreiros de Galicia.