O IES Terra de Turonio de Gondomar inaugurou onte a exposición fotográfica sobre "O vello dos contos", o popular personaxe que convertiu a Xosé Mosquera Pérez na primeira estrela radiofónica de Galicia alá pola década dos 30 do pasado século, cando Unión Radio Galicia de Santiago facía as primeiras emisións na comunidade. Unha ducia de fotografías achéganlle a figura deste locutor, activista cultural e destacado galeguista aos rapaces do centro, convidados a participar nos II Premios de Podcast arredor daquel comunicador que levou a cultura popular ás ondas.

O colectivo Ponte nas Ondas, do que forma parte o instituto gondomarés, colabora coa iniciativa que xa percorreu varios centros educativos de Portugal. "Este é un premio que pón en valor o patrimonio inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal a través das ferramentas que conectan coas novas xeracións", explica Aser Álvarez, promotor da iniciativa que se trasladará ao colexio Mestre Manuel García de Oia despois do Entroido.