A tradición musical local está no seu ADN e Abóbriga volve amosar as súas raíces baionesas no seu segundo traballo discográfico. Titúlase "Non hai fallo" e inclúe a primeira grabación da "Muiñeira de Monte Boi", unha peza de Enrique Otero Covelo, o lembrado "Gaiteiro do Fragoso". Un acaído agasallo de Nadal que se pode mercar en dous puntos en Baiona, na taberna A de Sabas e en Telas Maseda, no restaurante Arroaz da Guarda, na tenda AdobiArte de Ponteareas e tamén en locais de Santiago e Foz.

Dezaséis temas compoñen este novo disco da banda que cumpre xa once anos de traxectoria. A maior parte da escolla son composicións propias, pero tamén aparece algunha canción popular con arranxos do grupo. Pero, sen dúbida, a peza máis emotiva para os once compoñentes de Abógriga é "a do mestre", subliña Ramón Pazos Marcote, un dos gaiteiros da formación. "El quería que a aprendéramos con el e xa non deu tempo, pero creo que quedou moi ben. Ía estar moi contento. Agradecémoslle moitísimo á súa familia que nos facilitase a partitura e as coplas de xeito desinteresado", recalca.

Pendente aínda de estrea perante o público baionés, "Non hai fallo" xa percorreu estudios radiofónicos e mesmo se presentou no programa "Luar" da TVG. Os seus temas incorpóranse ao repertorio da banda formada polos gaiteiros Ramón Pazos, Ramón Soto e Carlos Estévez; as voces e pandereteiras Laura Vila, Miriam Lorenzo e Jenny Prado; o acordeonista Manuel Olegario; os percusionistas Marcos Alfaya e Tati Bernárdez; a clarinetista Xiana Teixeiro e o saxofonista Óscar Franco. Xuntos recuperan "a esencia das antigas murgas" e arranxan a música tradicional para levar o seu particular estilo por toda Galicia e polos principais festivais do universo folk.