O poeta alaricano Carlos Da Aira Fernández adxudicouse o VIII Premio Manuel Lueiro Rey, que outorga o Concello de Fornelos de Montes na honra do seu ilustre literato e xornalista. Logo dunha intensa deliberación, o xurado escolleu, de entre os corenta traballos presentados ao certame fornelense, o texto titulado "A guerra era contra nós". Segundo o fallo, Carlos da Aira amosa un "admirable dominio do poema en prosa", e destaca "a forza das imaxes e o tempero na dicción, que conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno". O xurado salienta asemade a "coherencia na ollada da voz poética, que reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia".

Carlos Da Aira verá editado o seu poemario por Xerais e recibirá o premio nun acto convocado pola Asociación Cultural Cruceiro da Laxe e mailo Concello de Fornelos de Montes.