06 de octubre de 2019
06.10.2019
VAL MIÑOR

Na memoria das miñorás que resistiron a represión

"A Volta das nove" recupera as historias das viúvas, orfas e veciñas que sufriron o franquismo

06.10.2019 | 03:03
Montse Fajardo, co traballo sobre as represaliadas na exposición da que é comisaria, onte en Baiona. // M. G. Brea

A maioría dos mortos da represión franquista foron homes, pero houbo moitas máis vítimas que quedaron no desamparo absoluto, envoltas na dor, marcadas por "rojas", apestadas en definitiva. Son as viúvas e os orfos dos fusilamentos, que viviron na miseria, ou as familiares e veciñas perseguidas pola solidariedade cos fuxidos. O IEM honra as do Val Miñor no mes da memoria e publica un traballo de Montse Fajardo sobre as represaliadas da comarca..

Julia Sanjuán García era a única na curva da Bombardeira o 16 de outubro de 2005. A única das nove viúvas dos asasinados alí mesmo 69 anos antes a mans de falanxistas. Só ela se puido librar aquel día da pesada lousa do silencio que calou tanto tempo aquel atroz crime á beira do mar. E só ela puido sentir o recoñecemento oficial a aqueles nove miñoráns axustizados por defender os dereitos sociais e ó sufrimento que lles quedou enriba ás súas familias. As outras oito xa non tiveran tempo de ver como se inauguraba o monumento que o Instituto de Estudos Miñoráns colocou na Volta dos Nove, unha instalación de Fernando Casás que inmortaliza as nove cruces que alguén se encargou de manter grabadas no chan daquel lugar, por moito que as autoridades as borrasen, e que son hoxe un símbolo da memoria histórica en Galicia. Pasaron catorce anos daquela primeira homenaxe e Julia, a muller de Manuel Barbosa Durán, "O Ferreiro do Burgo", tampouco vive, pero xa non quedará no esquecemento a inmensa dor da súa historia e a das outras oito familias, marcadas por aqueles viles tiros na cabeza. O IEM presentou onte "A Volta das Nove", una publicación elaborada pola xornalista e investigadora Montse Fajardo que relata a represión franquista contra as mulleres na comarca, editada con motivo das xornadas anuais adicadas á memoria histórica que levan o mesmo título, no marco das cales se inaugurou no Concello de Baiona a exposición fotográfica "Rexas, mulleres baixo o terror franquista" .

Este ano o protagonismo dos actos é para as mulleres e por iso se lle cambiou o xénero ao coñecido topónimo do escenario daquela infamia que deixou nove viúvas e 31 orfos menores de idade tras segar a vida de cinco homes de Panxón e catro de Baiona, sete deles mariñeiros, un labrador e un mecánico.

Catro fillos tiña Julia con Manuel Barbosa Durán, e quedou na mesma situación de desamparo ca Clementina Freire, que tivera cinco con José Rodríguez "O Pelonio", igual ca Antonia Rial Veiro, a muller de Manuel Aballe Domínguez e nai dos seus dous descendentes. A lista segue por Rosario Rodríguez Iglesias, que enviuvou tamén aquel día de Modesto Fernández "O Rei Chiquito", co que tiña 6 fillos; Angelina Vega Ríos, muller de Elías Alejandro Gonda Alonso "O Ghonda" e nai de 3 fillos; Sofía Vieites Penedo, esposa de Fidel Leyenda Rodríguez "O tío Félix" , sen descendencia; Eugenia Mijón Durán, casada con Francisco Manuel Lijó Pérez e con 5 fillos; María, a viúva de Felicísimo Antonio Pérez, da que se descoñecen os apelidos, sen descendentes; e Aurelia Rodríguez Cabral, muller de Generoso Valverde e nai de 5 rapaces.

Son as vítimas superviventes dun suceso que aínda remove hoxe o Val Miñor e que pasaron fame, frío e vexacións de toda clase. E son "o punto de partida" para seguir investigando o que foi das represaliadas da comarca, explica a autora.

O texto lembra as dúas únicas asasinadas polos falanxistas. A Dolores Samuelle matárona por agochar na casa onde traballaba aos "Ineses", dous irmáns vinculados á Sociedade Obreira de Sabarís, que se agochaban desde que estalou a guerra. Primeiro foron por eles e na refrega, saiu mortalmente ferido un falanxista. Pouco despois volveron e matáronos ós tres. A morte do franquista desatou a fame de vinganza do temido cabo Pena, que iría á cadea do Frontón de Vigo buscar os nove para fusilalos en Baredo de seguido. A outra axusticiada foi Carmen Gómez, veciña da parroquia viguesa de Lavadores.O seu corpo apareceu na praia de Lourido cos cadáveres de catro homes. Os deles estaban atados por parellas con aramios e o dela, solto.

Poucas testemuñas quedan xa daquela etapa de terror e a investigadora recurriu fundamentalmente ás declaracións recollidas no libro "Nigrán, memoria dunha guerra 1936-1939", do historiador e alcalde nigranés, Juan González, e a traballos publicados por Carlos Méixome e Xoán Carlos Abad, entre outros, para tirar o lado feminino da represión. Neles rexístranse 38 detencións, case todas por dar acubillo a fuxidos. "A principal causa de arresto das mulleres foi en Galicia a solidariedade", deixa claro Fajardo. Por motivos ideolóxicos ou "auxilio á rebelión", só foi detida Rosario Ruiz, esposa do daquela alcalde de Nigrán,Manuel Alonso.

Non só a morte ou a cadea sementaron a dor nos fogares das vítimas. As familias quedaron suxeitas á autoridade gobernativa, polo que vivían constantes requisas de alimentos e propiedades que logo eran subastadas "ata deixalos na absoluta miseria", malleiras e vexacións coma o rapado das cabezas. Algúns casos foron especialmente tráxicos como o da morte de catro fillos de tuberculose tralo asasinato dun pai e aos problemas de saúde física tamén se unían os da estabilidade mental. "Os fillos de Esperanza Losada contaron que a súa nai toleou con tanta dor", lembra a investigadora sobre a viúva de Abilio Araújo, un dos cinco miñoráns asasinados en San Xián e soterrados en dúas foxas xunto á igrexa desta parroquia do Rosal.

Moitos nenos acabaron "escravizados" servindo en casas desde ben pequenos pola comida e a cama e case ningún foi á escola. "Ou ben porque non lles deixaban por ser fillos de 'rojos', ou porque tiñan que traballar ou coidar irmáns para que as nais traballasen", explica Fajardo. Iso sí, non eran moitas as que conseguían emprego por ser quen eran e as que o tiñan perdíano fácilmente, como ocurriu coas depuracións de mestras.

Traumas que "seguen afectando ata os netos", subliña a autora. "A xeració actual vive marcada por eses dramas que herdaron porque non se curaron, polo silencio e polo relato mal contado, que tratou de convencer ás vítimas de que eran familiares de asasinos", engade.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes