A Sección Quinta da Audencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá o vindeiro mércores, día 22 de maio, un xuízo contra un home, R.A. , por presuntos abusos sexuais. O fiscal considera probado que o suposto autor dos feitos intentou bicar na boca unha moza e unha nena de 4 anos na Festa da Arribada do ano pasado e pide para el penas que suman os sete anos e medio de prisión e os once de liberdade vixiada, ademais de indemnizacións de 500 euros para cada unha das vítimas.

Segundo recolle o escrito de conclusións provisionais do ministerio público, o acusado achegouse a unha moza o 4 de marzo de 2018 sobre as 16.45 e agarrouna con forza pola cintura para seguidamente collerlle a cara coas dúas mans e tratar de bicala, aínda que non o conseguiu ante a resistencia da muller, que tivo que ser axudada polos seus acompañantes para zafarse del.

O mesmo día, ás 20.00, "con idéntico ánimo de satisfacer sus deseos sexuales", di o escrito, acercouse a unha nena que daquela tiña 4 anos nun local da localidade, no que estaba cos seus pais. As conclusións do fiscal afirman que a molestou e que lle intentou dar de comer pese a opoñerse os pais "para, en un momento dado, agarrarla por los hombros desde atrás y acercar su cara a la de la menor a fin de besarla en la boca, asustando gravemente a la niña y teniendo que intervenir sus padres para alejarlo de la menor y evitar que se volviera a acercar a ella".

O acusado xa está condenado executoriamente mediante sentenza firme do 6 de xullo do 2017, ditada polo Xulgado do Penal Número 1 de Pontevedra, a un ano e seis meses de prisión por outro delicto de abusos sexuais, pena que está suspendida na actualidade.