O xurado do II Premio de Xornalismo "Manuel Lueiro Rey", convocado polo Concello de Fornelos de Montes, outorgou o galardón á reportaxe "O universo de Carlos", da autoría de Montse Fajardo. A xornalista, escritora e investigadora arousana denuncia no seu texto "a discriminación que sofren as persoas con autismo e as súas familias", transmitindo as dificultades diarias e o pouco respaldo institucional que afronta a nai dun neno que ten esta condición neurolóxica. "O artigo é quen de que as persoas lectoras empaticen coa angustia da situación e reparen na falta de equidade", destacou o xurado fornelense. Amais da súa traxectoria como xornalista en medios como FARO DE VIGO, Fajardo é autora dos libros "Matriarcas", "Un cesto de mazás" e "Invisibles", entre outros.