O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) de Redondela celebra o seu 35 aniversario. O departamento levará adiante unha campaña de divulgación da súa actividade e unha serie de iniciativas en todos os eidos sociais: comercio, sanidade, xustiza, ensino...

O SNL de Redondela foi o primeiro en constituírse en toda Galicia, incluso antes de que se aprobase a Lei de Normalización polo Parlamento galego. Entre outras iniciativas para conmemorar a efeméride, o SNL colocou un "photocall" no Multiúsos da Xunqueira, cunha ilustración do debuxante do FARO Luis Davila, autor da tira de humor "O Bichero".

Todas as persoas que queiran poden fotografarse canda calquera dos globos que teñen mensaxes sobre a lingua galega. Dende o Servizo de Normalización Lingüística anímase a que as fotos se compartan nas redes sociais co cancelo #35snl.