A sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira acolle ata o 31 de xullo a mostra "Cartografía de Galicia. O rostro dun país", onde se repasa a historia dos mapas dende o Antigo Reino coas súas sete provincias até a actual comunidade autónoma. Hai facsímiles de láminas datadas no século XVII e de orixe foránea (holandesa, francesa e inglesa) e mais mapas do século XX.

Esta mostra, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, tamén rende unha homenaxe a Domingo Fontán, figura escollida en 2018 para celebrar o Día da Ciencia en Galicia. El foi un dos grandes cartógrafos de Europa a inicios do século XIX e na exposición na Xunqueira pódese contemplar o seu famoso Mapa de Fontán, en gran formato.

A maior parte das láminas están centradas en Galicia e hai outras máis concretas da provincia de Pontevedra e da Ría de Vigo.

O alcalde, Javier Bas, inaugurou onte a exposición canda o director e presidente da Fundación Penzol. O seu director, Francisco Domínguez, resaltou que os mapas retratan o Reino de Galicia como entidade diferenciada e con protagonismo propio. Grazas aos mapas e ás cartas náuticas, subliñou, se perciben as distintas representacións da costa galega.

A concelleira de Cultura, Teresa París, explicou a importancia dos mapas para coñecer a evolución administrativa de Galicia. A edil adiantou que esta exposición cartográfica percorrerá varias escolas de Redondela a partir de outono.