Redondela,como municipio pioneiro na defensa do galego, foi o concello escollido para homenaxear os 35 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística. O acto, celebrado onte na porta da Casa da Cultura, destacou o valor do papel que xogou a vila dos viadutos na normalización do galego nas administracións públicas así como na súa defensa a partir da década dos oitenta o que se reflectiu na creación do primeiro departamento de Normalización Lingüística de Galicia.

A celebración contou coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Redondela, Javier Bas, e tamén o que foi un dos responsables de que Redondela se convertese nos anos oitenta nun referente na normalización da nosa lingua, Xosé González, o que fora creador e primeiro responsable do departamento de Normalización Ligüística do Concello.

Tamén houbo lembranzas para o papel que xogaron Ramón Piñeiro e Camilo Nogueira na aprobación e posta en marcha desta lei en 1983, como destacaba o profesor Alonso Montero. Unha normativa que saía adiante por unanimidade nun Parlamento de Galicia sen maioría, converténdose, en palabras do Parlamento de Galicia, en exemplo de consenso por parte de deputados e deputadas que "foron quen de aparcar as súas diferenzas e chegar ao consenso" para "devolver a plenitude de dereitos á nosa lingua", como afirmara naquel entón Ramón Piñeiro.

O cantante Luís Emilio Batallán puso a nota musical ao acto.