"O lobo desapareceu da Serra da Groba nos anos setenta, despois de séculos de monterías que xa se organizaban na Idade Media. Igual que se reduciron as árbores frondosas, sustituidas por piñeiros e eucaliptos. A man do home convertiu a serra en cultivo forestal e trouxo especies invasoras, non só vexetais senón tamén animais, como o visón". Son algunhas das consecuencias da acción do home nun dos tesouros paisaxísticos do Val Miñor e do Baixo Miño, segundo explica Xosé María Bouzó, coautor, xunto con Xurxo Pérez Pintos, do libro que hoxe se presentan os dous na aula de cultura do Instituto de Estudos Miñoráns en Gondomar ás 20.30.

"Serra da Groba. A formación da paisaxe" é o título da obra que estes profesores, "naturistas de afición", comezaron hai xa 25 anos a modo de unidade didáctica para entregarlles aos participantes nas rutas das Xornadas do Ensino de Vigo. Agora editárona con recursos propios e grazas á axuda de comunidades de montes miñoranas e miñotas, da asociación ecoloxista A Jalleira e do IEM. "O que tratamos de explicar é como o ser humano foi intervindo na paisaxe e como se ve agora a Serra da Groba", indica Bouzó. Facémolo en 35 capítulos, cada un sobre un aspecto", sinala. O manual adica apartados ao aire, a auga, a morfoloxía, a fauna, a flora, a caza e un longo etcétera que cubre cada detalle do entorno natural, desde o listado de especies que presenta ata a pegada artística dos primeiros poboadores cos petroglifos. Inclúe imaxes antigas e actuais, como a dunha das últimas cacerías de lobos hai corenta anos, na que aparecen os orgullosos cazadores cun exemplar.

Entre os temas máis actuais que propón o traballo atópanse os incendios e as riadas. "Sempre houbo lume no monte. É parte da nosa tradición agrícola como ferramenta para xerar pastos. Hai unha veta nas Mariñas no que se aprecian depósitos de carbón desde tempos inmemoriais, pero os cambios no modo de vida convertírono nun desastre, especialmente no 2006 e o ano pasado", comenta o autor. A consecuencia directa dos incendios, como reflicte a obra, son as vagas de auga, "dado que o chan queda sen vexetación e non absorbe a auga, que vai ás canles dos ríos", engade.