A. LEYENDA

O anuncio de que a triunfadora dos Premios Goya 2018, Isabel Coixet, vai comezar a rodar en Galicia a película sobre Elisa e Marcela trouxo de novo á actualidade a historia destas galegas pioneiras no matrimonio homosexual. O Festival de Cans aproveita a ocasión para introducir outra cuestión no debate: o do uso do galego no cinema.

Nun tuit no que se facía eco da proposta da actriz María Vázquez, nominada aos Goya no seu día pola súa participación en Mataharis de Icíar Bollaín, a conta oficial do festival porriñés anima á directora catalana a facer a súa nova cinta en galego, dado que as protagonistas son de aquí. Tamén chama a que os internautas apoien esta causa, "para non para non seguir vendo os Goya tendo envexa de vascos e cataláns".

O chamamento chega despois dunha edición dos premios do cinema español de marcado carácter políglota. A cinta con máis galardóns foi Handia, gravada en éuscaro, e outra das gañadoras foi Estiu 1993, que utiliza o catalán. A propia La Librería, de Coixet, está feita en inglés.

Precisamente, foi no Festival de Cans de 2012 un dos primeiros foros públicos onde Coixet falou da súa intención de rodar a historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres que a principios do século XX racharon con todas as convencións sociais para viviren o seu amor de forma plena.