A canteira de lectores medra en Gondomar grazas ao esforzo de Espazo Lectura por promover o consumo literario en galego. A asociación cumpre dez anos este venres como referente cultural do país tras pasaren polos seus sete clubes máis de cen autores e despois de recibir diversos premios oficiais de editoriais e escritores dentro e fóra de Galicia. Pero o maior recoñecemento para os seus impulsores é a pegada que o seu labor desinteresado está deixando xa en toda unha xeración de gondomareses. "A lectura é un acto fundamental para a construcción do coñecemento e si que se nota o que facemos. Hai rapaces que teñen un nivel de coñecemento e unha capacidade de expresarse fantástica e iso é moi importante para nós", explica Beatriz Núñez, presidenta do colectivo que, como profesora, comproba cada día nas aulas o potencial dese traballo.

Claro exemplo disto é o o Comando Le, un clube de lectura de rapaces de 12 a 15 anos que se xuntan cada derradeiro sábado de mes na Casa da Lectura de Donas, sede da asociación. "Son máis de trinta os mozos que participan nesta actividade e fano porque eles queren, prefiren ler e comentar ca outras distraccións propias da súa idade. É moi significativo", recalca Núñez.

Lonxe quedan aquelas primeiras sesións do Contomar, o clube para nenos de 3 a 6 anos co que comezou todo alá por febreiro do 2006 Ducias de familias acudían cada tarde de luns para disfrutar dos contos cos seus fillos, "hoxe universitarios moitos deles e amantes dos libros", destaca a presidenta do colectivo.

Dous anos máis tarde, Espazo Lectura oficializábase como organización non gobernamental e creaba novas actividades periódicas estables para abranguer todas as idades, desde os bebés aos adultos. Ao longo deste tempo, case todas elas se desenvolvían na biblioteca gondomaresa, pero os desencontros co Concello levaron á asociación a abandonar a sala. Foi unha decisión que "complicou a actividade". "Claro que botamos de menos a biblioteca porque era o espazo idóneo, pero non por iso imos deixar de traballar", sinala. Núñez Por iso os sete clubes estables teñen hoxe lugar na Casa da Lectura e en cafeterías do municipio.

A pesares de que os municipios veciños si teñen grandes expectativas postas nas súas bibliotecas -Baiona está preto de abrir a súa renovada e Nigrán proxecta unha nova-, Espazo Lectura aposta por Gondomar. "Non descartamos colaboracións alá onde nos requiran pero nós nacemos aquí, aquí temos a nosa sede e aquí queremos quedar", suliña a súa presidenta.

Os actos conmemorativos do décimo aniversario están previstos en abril, mes no que se celebra o Día do Libro, pero o colectivo propón un adianto esta semana. O programa arranca hoxe cunha sesión de Os Mércores na Casa da Lectura, para nenos de 3 a 6 anos, ás 18.00. O venres á mesma hora, reuniránse alí os membros do Contos en Cueiros. O sábado ás 12.00 terá lugar a sesión mensual do clube Lendo Contigo para nenos de 6 a 11 coa presenza do escritor Marcos López Concepción e, ás 20.00, os mozos do Comando Le recibirán a visita da autora María Reimóndez.

Beatriz Núñez - Presidenta

"Nótase o que facemos. Hai rapaces cunha capacidade de expresarse fantástica"