"Hoxe a capital literaria do mundo é Vilariño. Isto gustaríalle a Carlos Casares. Diría: que disparate! E como lle gustaban os disparates!". Son as emotivas palabras coas o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pechou onte o discurso inaugural do Ano Casares no colexio nigranés que leva o nome do autor ao que este ano se lle adica o Día das Letras. O centro educativo da parroquia nigranesa de San Pedro foi o espazo elexido pola institución para botar a andar a programación oficial que lle renderá homenaxe nos vindeiros meses polo seu simbolismo. Atópase a uns poucos metros do que foi fogar da familia Casares e foi alí onde os estudaron os seus fillos.

Unha escola que sempre mantivo viva a súa vinculación co escritor. Leva o seu nome desde 2002, ano no que morreu. Un xesto da xunta directiva que supuxo a súa primeira homenaxe póstuma. A biblioteca escolar lembra tamén desde entón a súa obra e presenta nun lugar destacado unha galiña azul evocadora da súa primeira obra de literatura infantil. A sala expón tamén nestes días a colección de máis dun cento de edicións do libro "O Principiño" de Saint-Exupéry traducido a máis de 60 linguas que Casares recompilou ao longo da súa vida. A carón das vitrinas que amosan os exemplares, Alonso Montero salientou o autor como "un home bondadoso, ameno, engaiolante, un conversador, a mellor oralidade do século XX en Galicia". Explicou tamén o motivo polo que a RAG escolleu o colexio de Vilariño para por en marcha o Ano Casares, que incluirá simposios en Ourense e na Coruña e terá o seu día grande o 17 de maio en Xinzo, vila natal do autor. "Ningún centro coma este homenaxea a persoa que lle da nome. Motiva aos alumnos para que se acheguen á literatura pola vía Carlos Casares, que é a maneira de que queden para sempre comprometidos coa lectura", resaltou.

O labor do seu profesorado na divulgación da figura dun dos máximos expoñentes da literatura galega universal foi clave tamén á hora de seleccionar esta escola para estrear o programa de actos oficiais coa presentación da unidade didáctica online "Primavera das letras", que despois de arrancar o ano pasado arredor de Manuel María, ofrece un amplo abano de actividades interactivas para traballar tanto nas aulas coma na casa en torno a Casares. "Son materiais adaptados a distintas idades de ensino infantil e primario, con fichas para colorear, preguntas e respostas...", indicou o secretario da Academia, Henrique Monteagudo. As tarefas pódense descargar desde a web da institución e conteñen un apartado centrado no Val Miñor, que convida os nenos a coñecer o entorno no que Casares pasou os seus derradeiros vinte anos de xeito lúdico.

Unha lectura de textos de "O Principiño" en francés e en galego e a representación de pasaxes de obras de Casares por parte de alumnos completaron o acto, ao que acudiron o alcalde de Nigrán, Juan González, e o director do Instituto de Estudos Miñoráns, Xulián Maure.