Palabras galegas como agarimo, profesionalidade, petisco, fartura ou alicerce veñen de coller un novo significado en Redondela. Unha campaña promovida pola Asociación de Empresarios no marco do "Ano Castelao" e mailo programa de dinamización do galego da Deputación, pon en valor o pequeno comercio en forma de mensaxes que se plasman en bolsas, panos de hostelería e outros materiais que divulgan estas verbas na clientela.

Son palabras singulares que se redefinen no contexto comercial: "agarimo" é o trato que o usuario recibe nos establecementos locais; "proximidade" evoca a sensación de veciñanza nas pequenas tendas; ou "fartura" significa a sensación de saciedade logo de xantar nun dos restaurantes da localidade.

A campaña se complementa con accións participativas. Por un lado os comerciantes elaborarán un video con empregados e outras persoas que lles axudan a levar adiante o negocio. Por outro, os clientes expresarán nuns folletos as motivacións polas que prefiren os establecementos locais. Tamén se pode participar online, tomandose unha foto ou selfie no seu comercio favorito xunto cunha frase que conte por que lle gusta.

Os participantes poderán gañar premios como vales de compra.