Elías Alejandro Gonda Alonso "O Ghonda", Manuel Francisco Lijó Pérez "O Lijó", Fidel Leyenda Rodríguez, José Rodríguez González "O Pelonio", Generoso Valverde Iglesias, Manuel Aballe Domínguez, Felicísimo Antonio Pérez Pérez, Modesto Fernández Rodríguez "O Rei Chiquito" e Manuel Barbosa Durán. Son os miñoráns asasinados tal día coma hoxe hai oitenta anos, de madrugada, na curva da Bombardeira, na parroquia baionesa de Baredo, bautizada desde aquela na súa honra como A Volta dos Nove. Os seus nomes quedaron inmortalizados nese mesmo lugar de Baiona, onde vivían os catro primeiros, hai once anos, xunto a un bosque monumento deseñado polo escultor Fernando Casás e promovido polo IEM. Desde onte, tamén ficarán para sempre en Nigrán, grabados nunha placa ao pé do pavillón de Panxón, localidade na que residían os cinco últimos da lista. Algúns dos seus familiares participaron no acto de inauguración deste novo espazo que o Concello nigranés lle adica aos represaliados e aos seus achegados "para que dispoñan dun lugar no que lembralos", segundo explicou o alcalde, Juan González.

Unha escultura de pedra coas nove cruces que lembran os axustizados acompaña os nomes. O seu autor é Daniel Pazó, un afeccionado á cantería que cedeu o seu traballo por "solidariedade coas familias" e por "convicción". É fillo de Daniel Pazó, militar republicano na guerra civil que sufriu a sabotaxe do acorazado "Jaime I" no 36, ficou preso en diversos penais e padeceu o acoso dos compañeiros cando regresou a Nigrán como pescador.

A historia

Unha sobreira completa o conxunto. Foi a árbore elexida polo goberno municipal polo seu simbolismo. "Por moito que lle arrinquemos a cortiza, segue medrando", lembrou o rexedor durante a estrea deste novo punto de encontro "que nos obriga a lembrar, porque llo debemos a eles, ás viúvas aos orfos, porque o recordo é a mellor herdanza que nos puideron deixar", reivindicou a escritora e xornalista Montse Fajardo na súa intervención.Un emotivo discurso que relatou aquel crime, un dos máis arrepiantes da historia da represión en Galicia. Unha matanza en vinganza pola morte uns días antes do falanxista Refojo no asalto e asasinato dos "Ineses", dous irmáns republicados agochados nunha vivenda en Sabarís. A carraxe daquela para o bando nacional perda empurrou aos seus representantes na contorna a axustar contas. Recolleron os nove mariñeiros nun camión no Frontón de Vigo e leváronos ata a citada curva de Baredo. Alí os fusilaron. Os documentos históricos apuntan a que os seus corpos foron soterrados no cemiterio de Baiona, pero alí só apareceron dous en 1941, cando os reclamaron as súas familias. A excavación impulsada polo IEM en 2009 non permitiu atopar ningún mais.