O escritor Marcos Abalde Covelo (Vigo, 1982) gañou a cuarta edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía pola súa obra "Exhumación". O Concello de Fornelos e a Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe organizan este concurso literario, xa un dos máis prestixiosos de Galicia. O xurado tivo que elixir entre 45 obras poéticas dun "alto nivel e diversidade". Abalde suma un novo galardón logo de erixirse, entre outros, co Álvaro Cunqueiro de textos teatrais en 2011.

- Como recibe este premio?

- Con alegría. É un recoñecemento á miña producción literaria.

- Que é "Exhumación"?

- É unha metáfora orixinal de Benjamin Franklin que fala da loita dos desherdados, dos desposuídos, da historia a contrapelo das vítimas que buscan restituír a súa dignidade. É un poema en dúas partes: "Non dominar" e "Non deixarse dominar". Na primera falo do ser humano ferido, roto na súa relación cos mortos, coa natureza, coa terra, coa lingua e coa humanidade; na segunda abordo como podemos relacionarnos dende o coidado, construír a fraternidade. Este é un desafío do noso tempo. Polo menos conterse, non dominar nin deixarse dominar, facerse respectar.

- Formalmente, como estrutura os seus poemas?

- É poesía contemporánea, sen medidas nin rimas. Doulle moita importancia á sonoridade dos versículos, por iso están traballados, pulidos. Se cadra soan dunha maneira moi rotunda. Mesmo hai algún poema bó [ri].

- Vostede ten recibido xa varios premios importantes pola súa labor como dramaturgo. É a poesía un campo de traballo paralelo?

- Teatro e poesía son complementares, en ambos casos hai un coidado pola linguaxe, niso son moi meticuloso. Coas palabras, cos versos ou versículos, busco a potencialidade evocadora da literatura. O meu teatro está ligado á poesía e viceversa: o meu anterior poemario "Oenagh" (Espiral Maior, 2015) é un diálogo entre dous personaxes; en "Exhumación" consolido un camiño poético cunha única voz, en poemas pequenos e pechados.

- Pode un escritor de poesía e teatro vivir dese traballo?

- Dubido que en Galicia haxa algún escritor que se poida adicar só á literatura, de feito a maioría son funcionarios de ensino. No meu caso teño un traballo alleo á literatura, aínda que relacionado coa cultura. En outros países como Cataluña ou Alemaña o oficio de escribir é apoiado pola Administración, dáselle importancia. En Galicia temos centos de auditorios valeiros, iso foi un bó negocio para as construtoras, pero non para a cultura. Son ironías do noso tempo.

-Neste sentido, cal é ao seu ver o papel dos premios literarios coma este "Manuel Lueiro Rey" que organiza o Concello de Fornelos?

- Teñen un papel moi importante, este tipo de premios permite dar visibilidade a textos literarios, dálles unha saída. É unha oportunidade para os autores, non só pola aportación económica que dalgún xeito dá rendabilidade ao traballo cultural; no caso de "Exhumación" foron centos de horas de traballo que reciben unha pequena compensación. O máis importante é a visibilidade, porque sen gañar un premio tería difícil publicar o poemario; aínda que teño amigos editores, agora co respaldo do galardón poderá saír do prelo a través de Xerais.