Victoriano Taibo amosou desde moi novo un profundo amor polo galego. Entrou en contacto coa militancia galeguista e coas Irmandades da Fala na súa adolescencia, mentres estudaba maxisterio en Santiago e publicaba os seus primeiros artigos. En 1922, saiu á luz o seu primeiro libro, "Abrente", e por aquela época ingresaba na Real Academia Galega. Tres anos despois, publicaba "Da vella roseira, cántigas orixinás". A profesión levouno a Morgadáns en 1930. Alí exerceu ata 1955, a excepción de catro anos de desterro en Valladolid polas súas tendencias políticas. Deixou unha fonda pegada entre os veciños da parroquia de Gondomar polos seus innovadores métodos educativos e pola súa participación na vida social da contorna. O seu libro de contos e lendas "Da agra aberta" foi editado xa nos anos cincuenta e faleceu en 1966, mentres traballaba no poemario titulado "Cabrinfollas" e deixaba tamén inéditos os títulos "Enxangadas" e "Abicedo".