Sabedores de que a familia é o primeiro espazo onde os cativos poden entrar en contacto cos libros, os membros do colectivo Espazo Lectura de Gondomar veñen de presentar as xornadas "Lendo en familia", cuxo obxectivo é que os pais tomen conciencia como mediadores entre seus fillos e a lectura.

O encontro terá lugar o 16 e 17 de outubro no Centro Neural de Gondomar. A inscrición, gratuíta, pode facerse a través do enderezo electrónico espazolectura@gmail.com, ou chamando ao 619 292 991, antes do 14 de outubro.

As xornadas comezan o venres 16 ás 17.00 horas, coa conferencia inaugural "Ler en familia: unha responsabilidade e un pracer", a cargo de Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura.

Ás 18.30 horas, Cristina Novoa, asesora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, ofrecerá a charla "Familias lectoras e bibliotecas: aquí facemos falta todos!". Xa ás 19.30 horas, os participantes trasladaranse en autobús ata a Casa da Lectura, en Donas, para gozar coa sesión de contacontos de Rosana Estévez, vicepresidenta de Espazo Lectura e coordinadora da área de dinamización do colectivo.

O sábado 17, ás 10.30 horas, a escritora, contadora e actriz Paula Carballeira falará das "Mañas para contar un conto", e ás 12.00 horas ofrecerá un contacontos. Ás 13.00 horas, os asistentes poderán visitar a Exposición de Materiais, e presentarase ademais a Guía das Xornadas.

Tras o xantar, desenvolverase unha mesa redonda, a partir das 17.00 horas, baixo o título "A experiencia de medrar nunha casa na que se le". Nela participarán Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago, e nai nunha casa na que se le; e María do Cebreiro, escritora e filla nunha casa na que se le.

O encontro clausurarase ás 19.00 horas, coa conferencia "A descuberta do mundo", a cargo do escritor Agustín Fernández Paz.

As xornadas están dirixidas aos adultos. Haberá un servizo de ludoteca durante as diferentes sesións para atender os nenos, que, porén, están convidados a participar nos dous contacontos das xornadas.

Por outra banda, o colectivo gondomareño reanudou as súas actividades tras o parón do verán. O pasado 5 de outubro tivo lugar a primeira sesión de Contomar do curso, que correu a cargo de Yolanda Castaño. Máis de 50 cativos asistiron á cita, na que a escritora presentou o seu último conto infantil, "Cando eu saiba ler".

Tamén deron comezo as sesións do Club de Lectura Sete Vidas. O libro elexido foi "Festina lente", de Marcos Calveiro, autor que visitará, o 23 de outubro, a libraría Libraida de Gondomar, onde falará sobre a novela e manterá un encontro cos lectores.