Unha manada de lobos. Así define Tonhito de Poi o último proxecto musical no que está inmerso Rasa Loba, que mañá tocarán en Gondomar como actuación estrela que precederá aos concertos do “Rock no río” do sábado. Aínda que como o antigo líder de Heredeiros da Crus di máis que cantar pensan “ouvear” no Parque da Coelleira a partir das 22.30 horas.

- Para os que non coñezan a nova formación, ¿qué directo se vai atopar o público que se achegue ao concerto?

- Vai ser unha actuación brutal. Non admito que ninguén poida saír decepcionado dun concerto. Non se lle pode facer perder o tempo a xente. Somos unha banda de moita raza, aínda que mellor dito somos unha manada de lobos rockeiros.

- ¿Cal é a diferenza principal entre o estilo de Rasa Loba e de Heredeiros?

-Pois daquela apostabamos polo rock, pero agora xa estamos a falar dun sonido metal.A guitarra eléctrica é a protagonista. A Sachadora - o nome da súa- é a responsable dos novos temas.

- Non bota de menos polo que se ve esa etapa de grandes éxitos...

-Crecimos co grupo. Sacamos sete discos nos catorce anos que estivemos xuntos. Non obstante, era tempo de buscar cada un o seu camiño. É algo así como independizarse da casa dunha nai, estase ben pero hai que evolucionar.

- ¿Considera que marcaron una xeración de mozos galegos?

- Non. Un grupo vai crecendo co público. Heredeiros eran tanto os que tocabamos como os que escoitan.

-Máis dalgún pai ou avó botou pestes pola boca ao escoitar a súa música nos cuartos dos seus fillos e netos...

-Hai moita xente que cando chega a certa idade esquece que eles foron mozos. Eu diríalles que non hai diferenza entre o que escoitan os rapaces agora aos 20 anos e o que escoitaban eles.

-Despois tivo unha mala experiencia coa Banda de Poi.

-Digamos que había unha froita podrida que contaminaba aos demais. Tentabamos reivindicar que o río Miño non é unfra fronteira, senón un lugar de paso. Agora con Rasa Loba deixamos iso nun espazo secundario e falamos de moitas cousas.

- ¿Coñecía a comarca?

-É un paraíso. As praias, os montes... Ademais hai moitos por aí que saben de min (risas).