O poder está na cidadanía que forma parte dunha Galiza que é nación" son parte das verbas do histórico Xosé Manuel Beiras que onte a noite falaba ante o numeroso público asistente á presentación de Laureano Alonso como candidato nacionalista á Alcaldía tudense.

Para Beiras, está nas mans dos cidadáns a "fin da longa noite de pedra" que durou máis en Tui que no resto da península. Fixo referencia á historia local, o pasado da República e ás víctimas. Tamén a que "os lobos volven a oubear cando queren sabotear as decisións tomadas polo Parlamento". "Pensemos globalmente, actuemos localmente", é a filosofía que comparte e que adiantou a concelleira Ánxela Alonso na presentación.

Alonso centrouse nos tres eixos fundamentais do programa nacionalista para Tui: o primeiro, a recuperación democrática do concello e seus valores perdidos. Cos plenos mensuais, rogos e preguntas, turno do público e un alcalde permanentemente a disposición da cidadanía, e transparencia na xestión. O segundo baséase na dinamización das parroquias e da cidade aproveitando as súas potencialidades como nexo entre Portugal e Galiza, co seu casco histórico (xunto co plan especial), o monte Aloia, e o río Miño. Nesta liña está que Tui entre nunha organización de cidades históricas especializadas en organización de congresos e eventos.

Outros obxectivos son a ampliación do Centro de Saúde variando a ubicación; aparcadoiros nas rúas novas; recuperación da historia rememorando feitos como o desembarco do rei Olaf, no século XII, no Miño, "que foi máis importante co de Catoira", argumentou Alonso. Finalmente, está a política de benestar e carácter social, con servizos como o Centro de Día e gardería municipal.