val miñor

Un réquiem á beira do mar

Neli Pillado / BAIONA

Ata o bater das olas na pena Bombardeira da costa de Baredo tocou onte a defunto. Paseniño, coma se recordase aqueles disparos que soaron tan preto na madrugada do 15 de outubro de 1936, coma se acompañase o funeral por aqueles que nunca tiveron o seu. En terra, un silencio só escachado por unha gaita triste que abriu e pechou a homenaxe ós nove miñoranos asasinados aquela noite na curva que sempre levará os seus nomes inscritos xunto á obra de Fernando Casás. Emotivos discursos e ofrendas florais por parte dos familiares dos represaliados completaron o 69 aniversario da súa morte.

Ó redor de trescentas persoas acudiron á cita para lembrar dun xeito oficial ós cinco veciños de Panxón, dous de Baiona, un de Baíña e outro da Ramallosa. A emotividade presidiu o encontro, pero tamén o descanso dos familiares que, despois de tantos anos de silencio, tiveron oportunidade de honrar ós seus antergos.

"Non poder falar deste asunto ó longo de tantos anos era algo que fendía a alma", asegurou o historiador e concelleiro do PSOE en Nigrán Juan González na súa intervención. Como membro da comisión organizadora do encontro, González prometeulles ós parentes dos asasinados a publicación dun libro sobre a historia dos Nove de Baredo.

Esa historia dos nove é a que envía desde o pasado, segundo o escritor Pepe Cáccamo, "a mensaxe da obriga de coñecer e divulgar a verdade".

Unha verdade que "voa nas ás dunha bolboreta" que se pousa no tronco dunha árbore de bronce "castrada, coma a vida dos homes que mataron", como explicou Fernando Casás a súa obra. Corenta e cinco loureiros, "a árbore dos heroes", acompañan a ese tronco tolleito, engadiu o escultor.

O arqueólogo e tamén membro da comisión promotora da homenaxe Xosé Lois Vilar incidiu na descrición do monumento. "Conxuga os catro elementos. O aire que respiramos, a auga que rompe na Bombardeira e no Sansón, a terra que lle dá vida ós loureiros e o lume que fundiu os 260 quilos de bronce da peza. Ergueranse pirámides no nome dos faraóns ou outros monumentos funerarios, pero en ningún lugar como na beira do mar de Baiona", concluiu.

Tralo poético discurso de Vilar tocoulle o turno ó director xeral de Creación e Difusión Cultural, Xosé Luis Bará, quen asegurou que 2006 e os anos vindeiros serán os anos da memoria histórica. "Debemos construir o futuro do noso país co exemplo da memoria", afirmou.

O descubrimento da placa cos nomes dos homenaxeados por parte dos familiares e ofrenda de flores de parentes e colectivos como a Asociación de Familiares e Amigos de Represaliados pechou o encontro.

Xa non se borrarán as cruces

O conxunto artístico da Volta dos Nove inmortaliza as misteriosas cruces que insistentemente os veciños marcaban na area da zona ó longo dos anos cincuenta e sesenta despois de que as autoridades as borraran. Un trazo horizontal cruzado por nove liñas encabeza a praca na que se len os nomes dos asasinados en vinganza pola morte dun falanxista en Sabarís. Manuel Aballe Domínguez, Felicísimo Antonio Pérez Pérez, Elías Alejandro Gonda Alonso, Manuel Francisco Lijó Pérez, Modesto Fernández Rodríguez, Fidel Leyenda Rodríguez, José Rodríguez González, Manuel Barbosa Durán e Generoso Valverde Iglesias recibiron onte a súa primeira homenaxe pública.

Tracking Pixel Contents