LOURIÑA

O galego, tamén na cociña

Amparo Rodríguez / PORRIÑO

Coas mans na masa. Así andan os dous membros do Departamento de Normalización Lingüística do Concello do Porriño que, nestes intres, argallan un libro de receitas. Dende fai dúas semanas recompilan as receitas que lle envían os interesados/as en publicalas no libro "Receitas cociñadas no Porriño". "Poderán presentar receitas de cociña todas as persoas que o desexen, sempre que estean escritas en galego e acompañadas do nome do autor/a e do seu número de teléfono. Tampouco é necesario que sexan orixinais ou inventadas. Admítense receitas de calquera país do mundo", explica Jesús Ramilo, do departamento de Normalización Lingüística.

O libro estruturarase en bloques tipo: entremeses, verduras, ensaladas e pastas; peixes e mariscos; carnes e sobremesas. As persoas interesadas poderán envialas por email: normalizacion_linguistica@concellodoporrino.net; ou achegalas ata o segundo andar da Casa do Concello. Recóllense receitas escritas a man ou en CD.

A pretensión deste departamento é editar un libro de cociña que logo distribuirán de xeito gratuíto. Xa son moitos os que lle fan chegar os trucos dos pratos máis suculentos e mesmo fotografías dos pasos a executar.

Galego para todos

O Departamento de Normalización Lingüística do Porriño leva case un ano traballando para que o galego chegue a tódolos fogares, comercios, industrias, espazos culturais, administracións e, en definitiva, a tódolos ámbitos da vida diaria para que sexa algo común a todos. "O noso traballo está enfocado en dúas direccións, de xeito exterior: en actividades, centros culturais, asociacións veciñais. Todo o necesario para dinamizar e normalizar a lingua galega. E de xeito interno, procurando que se cumpra a lexislación lingüística vixente e crear o hábito de que se empregue tanto escrito como oral", aclara Marcelino Rodríguez.

Pero, ademáis, unha das misións deste departamento é o asesoramento do público, de xeito que calquera que necesite facer unha consulta ou resolver unha dúbida respecto ó uso do galego poida achegarse ata o segundo andar do Concello e atopar unha solución.

Na súa traxectoria realizaron unha campaña do uso do galego nas empresas. En decembro comezarán a campaña de promoción do galego no comercio e nestes intres está en marcha o curso de perfeccionamento de galego, no que aínda se poden inscribir os interesados; e tamén están co ciclo de literatura titulado "En clave gue". Dentro deste ciclo renderase culto ás poetisas galegas coa lectura dalgunha das súas pezas no Centro Cultural o vindeiro día 11, ás 20.30 horas.

"Queremos que se involucre o público e que participen coas súas ideas. Ademáis realizaremos unha campaña de animación á lectura nos centros culturais en colaboración con Normalización Lingüística de Mos. Gustaríanos fomentar as relacións con todos os concellos", engaden.

Tracking Pixel Contents