Antón Baamonde: “Temos que buscar formas de darlle vida ás cidades”

O filósofo alerta sobre a “ameaza” que poden supoñer Amazon e as grandes áreas comerciais para as urbes galegas | Propón que o pequeno comercio incorpore servicios

Francisco Castro, Antón Baamonde e Leiceaga (e-d).

Francisco Castro, Antón Baamonde e Leiceaga (e-d). / // Alba Villar

Mar Mato

Mar Mato

VIGO

Amazon e as grandes áreas comerciais poden convertirse en “ameazas” para as urbes galegas. Así o puxo sobre o tapete onte no Club FARO o filósofo e ensaísta Antón Baamonde quen deu un consello para evitar que os maiores núcleos urbanos de noso esmorezan: “Temos que buscar formas de darlle vida ás cidades”.

Fronte á fe total no comercio electrónico, este profesor reflexionou que “unha forma de salvar a cidade é ter negocios que ofrezan servicios profesionais”. Baamonde esclareceu que non se trata dun asunto local senón que “este é un problema universal” e engadiu que “hai moitos aspectos sobre os que reflexionar”.

Baamonde ofreceu estas consideracións durante a presentación do seu último libro, “Unha nova Olanda... De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global”, editado por Galaxia.

Na conferencia, foi presentado polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro; e polo profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Castro louvou a figura do autor e indicou que “temos que aprender a ver dun xeito máis global” e que boa proba disto é a pandemia que estamos a vivir que xurdiu na China e que nos segue a afectar.

Pola súa parte, Xoaquín Fernández Leiceaga defendeu que “é importante entender o tecido urbano cunha certa unidade”, en referencia á cidade “alongada” galega que se vertebra dende Ferrol ata Vigo e a contorna desta na franxa costeira atlántica.

Para Antón Baamonde, segundo expuxo na conferencia, en España non se ten en conta a importancia desta ‘cidade’ atlántica inda que os poderes institucionais si atenden ás presións da fachada mediterránea.

“Non aparece no debate político de España”, sinalou e dende o seu punto de vista si debería ser incluído. Tamén indicou que contrariamente ao que se cre “o presente de Galicia é urbano e o futuro necesariamente tamén”.

Para reafirmar esta aseveración lembrou que dous terzos da poboación da comunidade habitan nas cidades ou na súa periferia.

Baamonde tamén animou a que Galicia olle con máis cariño e mellores ollos cara Portugal no eido económico e de comunicacións. Segundo a súa consideración, o ferrocarril que comunica a costa galega e lusa ata Lisboa debería fortalecerse xa que en Portugal as empresas galegas teñen un nicho importante de mercado, sen esquecer que varios centos de firmas galegas teñen actividade económica asentada no país veciño.

En voltando ao seu libro que se presentou onte no Club FARO, hai que sinalar que nel o autor reflexiona que a cidade é como sinalaba Robert Park “un estado de ánimo, un corpo de costumes e tradicións, e de actitudes organizadas e sentimentos que son inherentes a esa tradición”.

O filósofo tamén expón no libro que as cidades galegas foron sempre “de dimensións modestas” e que neste século XXI no que vivimos “o seu tamaño seguirá a ser mínimo se se comparan coas megalópoles que se estenden polo mundo”.

Segundo o seu punto de vista, a pandemia do COVID-19 confrontou a cidade con algúns dos seus problemas básicos: mobilidade, tamaño, centralidade.

Respecto do abano de posibilidades que se abren para afrontar os problemas das urbes, cita que se están a formular alternativas como a de París coa súa idea de “a cidade dos quince minutos”, o que significaría que se podería chegar a calquera sitio, traballo, tenda, lecer, nun cuarto de hora.

Para logralo, o autor propón unha cuestión: multiplicar os núcleos da cidade para evitar a saturación do centro.

Non é este un debate que debe caer no esquecemento. “No contexto das restricións á mobilidade, da expansión do virus en transportes públicos masificados, parece conveniente pensar de novo a cidade”, aconsella.

Respecto a Galicia, indica na obra que “o tamaño das cidades galegas segue sendo unha escala humana pero deberían eludir unha zonificación excesiva e favorecer a multiplicidade de usos nos barrios para evitar a saturación dos centros”.

Un filósofo e ensaísta que debuxa unha visión da sociedade galega

Antón Baamonde (Vilalba, 1951) é profesor de Filosofía e ensaísta galego con participación en revistas como “Grial” ou “Galicia Internacional”. No pasado, formou parte do consello de redacción da revista “Luzes de Galiza”. Actualmente, é membro da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, do consello asesor da Fundación Carlos Casares e do Padroado de RadioFusión. Ten editado diversos libros en galego e castelán. Nesta última lingua, destacan “La rosa sin por qué”, con Pre-Textos; o “El laberinto y sus salidas”. En gallego, también publicou inicialmente “A rosa sen porqué”, coa editorial Galaxia; así como “A favor da esperanza”, “Aire para respirar” ou “A derrota de Galicia”. Pola súa parte, Xoaquín Fernández Leiceaga naceu na vila coruñesa de Noia no ano 1961. Desde 1992, é profesor titular de Economía Aplicada e foi director do Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia. Adamais ten desenvolvido unha carreira política lonxeva no PSdeG-PSOE. Agora é senador por esta formación. Ten publicado diversos libros como “Baixo as alas de abril, unha novela de intriga policial; así como “O país do porvir”, “Por que fracasou a reforma do Estatuto?”.

Tracking Pixel Contents