“Hai un descoñecemento total da nosa historia, a xente nova non sabe nin quen é Franco nin Primo de Rivera. Non ter memoria para un país é a maior desgraza porque vai repetir eternamente os mesmos erros”. Así de claro se mostrou onte o director de cinema Ignacio Vilar (“A esmorga”, “Pradolongo”, “María Solinha” ) no Club FARO.

No auditorio do MARCO, presentou o guión da que será a súa nova película, “Aura 1964”, co que a editorial Galaxia inaugura a colección Guión. Estaba acompañado polo profesor titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Manuel Forcadela; e a psicoanalista e membro da Asociación Psicoanalítica de Galicia, Camila Vidal Gutiérrez.

Vilar engadiu que “se non temos a memoria do que pasou, lévannos a cometer os mesmos erros”, en relación ao aumento da extrema dereita en Europa. “Parece que non aprendemos nada do que pasou”, engadiu.

“De aí, a necesidade da transmisión”, puntualizou a psicoanalista Camila Vidal Gutiérrez. Os dous coincidiron na necesidade de traer eses feitos pasados “ao presente.

“Era moi duro estar nos anos 60 nun internado de curas. Prohibían todo o que che gustaba. Non me permitían ir ao cinema pero tiña que ir obrigatoriamente ver o partido de fútbol”, rememorou o realizador galego.

Forcadela (1e), Vidal y Vilar (1d), onte no Club FARO apoiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo. PABLO HERNÁNDEZ

“Iamos –narrou– ao cinema clandestinamente. Era unha educación tan castradora que saín vivo de aí polo que me transmitiron os veciños da aldea porque tiven a sorte de vivir nunha aldea na que o comunal era fundamental e onde había liberdade sexual. Faciámonos pallas dende pequenos de maneira colectiva sen conciencia de pecado. Foi imposible que os curas me transmitiran esa idea de pecado no relacionado co sexto mandamento (o da castidade)”.

Para Vilar, a aldea ademais foi a fonte primixenia que o animou a querer facer cinema. “Unha sociedade que non conta historias está perdida”, asegurou.

A aldea volve estar presente no guión “Aura 1964” como tamén o paso da infancia e mocidade á idade adulta, todo plasmado na vida de tres nenos nun internado relixioso.

Asegurou Vilar que se trata do primeiro guión dun filme que se publica con anterioridade á realización da película. A iniciativa conta co apoio económico da Unión Europea. “Hai tres anos presentámolo ao programa Creative Europa Media que ten a UE para apoiar o cinema. É o primeiro proxecto galego que apoian. É moi difícil conseguilo. Concorremos con 309 proxectos dos que apoiaron 75 con axudas ao desenvolvemento de 50.000 euros”, explicou.

O cineasta lembrou a opinión do xurado que apoiou o proxecto por presentar o tema universal da transición da nenez á idade adulta, pero tamén por tratar outro asunto “moi pertinente na actualidade debido á auxe dos partidos de extrema dereita”. “O filme ten proxección internacional non só pola temática senón tamén polo seu equipo, o casting potencial e a estratexia de coprodución”, concluíu.

Respecto á idea de publicar o guión con Galaxia, recoñeceu que “é un exercicio marabilloso” lero esqueleto escrito dun filme xa que permite que cada persoa cree “a súa propia película”. Deste proceso, el arela aprender dos lectores. “Ides ver a vosa película, non a miña”, subliñou.

Segundo o seu punto de vista, é “unha asignatura pendente na ensinanza a formación no audiovisual. Os rapaces son analfabetos da imaxe e están á mercede do que lles impoñan”.

Pola súa parte, o profesor Manuel Forcadela –quen tivo excelentes verbas para a obra de Vilar– sinalou na conferencia que “o xénero literario que máis se aproxima ao soño é o guión”.

A psicoanalista Camila Vidal, quen asegurou que é un guión, estableceu un paralelismo entre a realidade dos anos 60 e a actual respecto á represión sexual sen precedentes de mediados do século pasado e o control férreo do politicamente correcto nos nosos días.

Un director con varios fitos na historia do cinema da terra e en galego

Ignacio Vilar é un dos cineastas galegos máis destacados da actualidade pero tamén da historia. Precisamente, un fito foi o que conseguiu cando logrou que “Pradolongo” se estrease nos cinemas en galego e se convertise nun éxito de taquilla no ano 2008. Non obstante, o seu primeiro largometraxe fora “Ilegal” no 2002, onde tratara sobre a mafia de transporte de inmigrantes de África a Europa. Seguiulle o documental sobre Luar na Lubre “Un bosque de música”, un ano despois. Habería que agardar a 2012 para que volvese axitar Galicia coa súa magnífica “Vilamor”. Lembran? Aquela historia de hipppies nunha comuna en terras galegas. Coa presentación daquel filme volvería a facer historia percorrendo toda a xeografía galega para amosala. Pouco despois, chegaría “A esmorga”, a versión cinematográfica do clásico da literatura galega asinado por Eduardo Blanco Amor. A súa proposta foi tamén moi aplaudida, con actuacións maxistrais de Morris pero tamén de Miguel de Lira e Karra Elejalde, este último a bordar o seu galego. A filmografía de Vilar proseguiu con “Sicixia”, rodada na Costa da Morte e con “María Solinha”, gravada en Redondela e O Morrazo e cuxa chegada aos cinemas comerciais esfachou de momento a pandemia.