Conde: “En Galicia, somos incapaces de facer unión para afrontar os problemas”

“Somos minifundistas”, critica o escritor Alfredo Conde na presentación do seu novo libro | “Se o Prestige o gobernáramos desde aquí non pasaría o que pasou”, opina

Alfredo Conde (e) e Caetano Díaz. |   // RICARDO GROBAS

Alfredo Conde (e) e Caetano Díaz. | // RICARDO GROBAS / Mar Mato

Mar Mato

Mar Mato

VIGO

Alfredo Conde é o escritor galego vivo que congrega o maior número de recoñecementos (os premios Nadal, Nacional de Novela, Crítica Española, Crítica Galega, o Grinzane Cavour en Italia, candidato ao Premio Nobel de Literatura...) e onte no Club FARO presentou o seu último libro ata agora, “En canto a Fraga” (Ensenada de Ézaro Ediciones). No acto, lamentou que “en Galicia, somos incapaces de facer unión para afrontar xuntos a resolución dos problemas comúns”.

Segundo o seu punto de vista, “non todo é responsabilidade político; tamén hai responsabilidade común. Carecemos dunha sociedade civil que atenda as necesidades do país. Somos incapaces de facer un lobby, un grupo” con responsabilidade “política e social”. “Somos minifundistas”, resumiu.

Presentado por Caetano Díaz, amosouse tremendamente crítico cunha rama do nacionalismo actual pero tamén co parlamentarismo que se profesa nos nosos días.

“Os antipiñeiristas [do pasado] son os herdeiros á morte de Piñeiro do patrimonio de Galaxia. Unhas cousas fixéronas ben e outras mal”, sinalou.

Respecto dos primeiros anos do Parlamento de Galicia, indicou que “nun inicio a Cámara Galega era unha cousa viva”.

Asegurou non ter nostalxia do tempo de Fraga pero si “dos inicios do parlamentarismo no país galego hai 40 anos”. “Alí –lembrou– había ilusión e esperanza, ganas de traballar e entendemento entre as partes naquela primeira lexislatura. Entendíanse a esquerda e a dereita para construír. Hoxe pode sonar a fantástico pero vin discutir a dous directores xerais –Tomás Pérez Vidal e Mariano Rajoy– na porta de Fonseca porque tiñan unha máquina de escribir. Un dos dous tíñaa luns, mércores e venres e outro, martes, xoves e sábado. Este último pedía que se fixera alternativo porque se non, esmagáballe todos os sábados. Daquela pobreza, daquela situación inicial na que estaba todo por facer, construíuse unha administración, fixéronse leis”.

Sen embargo, co paso do tempo aumentaron as tensións e alonxouse o consenso de maneira que na Cámara se chegou a non apoiar medidas de grande interese para Galicia como a proposta de Fraga-Cuiña de ampliar a catorce millas náuticas fóra das puntas das augas territoriais galegas con plena competencia do Goberno de Galicia como se se trataran de augas territoriais como as que posúen os estados. A proposta non prosperou por non contar co apoio da oposición. Para Conde foi un erro: “De ter acadado a competencia nesas augas territoriais o desastre do Prestige non se tería producido. Se o Prestige o gobernáramos desde aquí en contraposición ás decisións tomadas dende Madrid] non pasaría o que pasou”, indicou.

Na conferencia de onte no Club FARO falou da súa amizade con Manuel Fraga Iribarne –que foi presidente da Xunta de Galicia pero tamén ministro na era do franquismo– ofrecendo anécdotas interesantes que amplía no libro “En canto a Fraga”.

Unha delas é como acabou sendo un apestado no réxime cubano de Castro. Relatou que a enemizade comezou a raíz dun recital poético en Compostela onde ofreceu un poema dedicado ao Che Guevara e onde explicou a poética que seguira para crealo. Nela facía referencia a que o Che aceptara o axustizamento de persoas con ideoloxía ou posicionamento político diferente e que iso Conde non o aceptaba.

Esa crítica foi mal recibida polo cónsul de Cuba en Santiago, quen a trasladou ao goberno estatal da illa e cando Conde acompañou alí ao séquito de Fraga nunha das viaxes da Xunta comunicáronlle ao aterrar na Habana que non ía poder xantar coa comitiva galego-cubana presidida por Fidel Castro por ser persoa non grata. Á noite, recibiu unha chamada comunicándolle que si podía cenar en privado con Castro ao que el respondeu: “Agora non me sae dos collóns”.

Outra anécdota da que falou foi de cando o nacionalismo lle deu as costas tras gañar o Premio Nadal por unha obra presentada en castelán. Lamentou que Carlos Casares o criticara duramente na prensa no día posterior e que lle chegaran a declarar “traidor da lingua galega”. Iso fixo que optase por pecharse na casa. “Sigo pechado”, sinalou, mentres Caetanto Díaz lamentaba que a pesar dos seus logros literarios siga sen unha cadeira na RAG ou no Consello da Cultura Galega.

Conde, un escritor que inaugurou os premios nacionais de literatura para obras en galego

Alfredo Conde (Allariz, Ourense) é un dos escritores galegos que logrou un fito para a literatura do país: foi o primeiro autor da autonomía en recibir o Premio Nacional de Novela por unha obra escrita nunha lingua diferente ao castelán. Logrouno no ano 1986 con “Xa vai o Griffón no vento”, co seu personaxe protagonista Martín de Abalos e o trasfondo dos curas amancebados.A este galardón, seguiríanlle outros de enorme relevancia como o Nadal no ano 1991 con “Los otros días”, que tamén se fixo co Premio de la Crítica Española.O talento deste autor galego na novela mesmo ten traspasado fronteiras con libros de seu editados ao ruso, italiano, inglés ou portugués, entre outros idiomas.Na súa última entrega,”En canto a Fraga”, que presentou onte no Club FARO, asegura no inicio do libro que non se trata dunha biografía nin tampouco dun panexírico, senón “un relato dunha relación de amizade e mutuo respecto” que o propio Conde mantivo con Manuel Fraga a pesar de estar nas antípodas da ideoloxía política del.A historia comeza cando se coñeceron no ano 1966 en Pontevedra nos Primeiros Xogos Florais Nacionais Rías Baixas de Poesía cando Fraga era ministro do ditador Francisco Franco.

Tracking Pixel Contents