Un triunfo no fútbol da lingua galega
A «Afouteza» cumpre 28 anos no Celta de Vigo: historia e orixe do termo no himno
A tradución ao galego foi estreada no 75º aniversario do club con A Roda, Milladoiro e Carlos Santana
O termo aparece recollido en 15 dicionarios dende 1913, pero o seu uso na lingua oral ou popular era moi limitado ata a pasada década

Milladoiro, Astarot e A Roda na estrea do Himno do Celta en 1998 / Jesús de Arcos

Se un celtista tivese que escoller unha palabra para celebrar o Día das Letras Galegas, case con toda seguridade optaría por Afouteza... pero non sempre foi así. Malia estar xa vencellada ao celtismo, esa relación acaba de cumprir 28 anos e naceu ao abeiro dun fito na historia do Real Club Celta. Se a Oliveira dos Cen Anos de C. Tangana chegou co primeiro século de vida, o 75º aniversario do club permitiu a adaptación ao galego do himno que dende mediados do século pasado resoaba en Balaídos. Hoxe, A Roda e o Celta reversionan aquel tema.
A «Noite do Celta» celebrada o 4 de xullo de 1996 presentaba ao mundo unha aliñación á altura do EuroCelta que nacería meses despois: A Roda, Milladoiro e o mexicano Carlos Santana. Máis de 12.000 seareiros acudiron aquela noite ao Estadio de Balaídos onde se estreou esta nova versión. «Que o teu lema é nobre en xogo: Afouteza e corazón» resoaba por primeira vez cun arranxo orquestral e as voces de Astarot, A Roda e a Coral Rueiro de Coia, incorporando así un aire «folk rock».

Concierto "Noite do Celta" en Balaídos para celebrar el 75º aniversario del club en 1998 / Cameselle
En plena idade dourada do Xabarín Club, a introdución deste novo tema foi máis ben gradual xa que polos altofalantes do coliseo celeste seguía a reproducirse a versión en castelán. A súa primeira vez nunha celebración foi nun amargo 20 de xuño de 1999. A derrota ante o Atlético de Madrid privou ao equipo de Víctor Fernández de xogar a Champions despois de permanecer 29 xornadas nos seus postos de clasificación.
Con todo, máis de 10.000 persoas foron ata As Travesas animadas pola peña Comando Celta e viron como Horacio Gómez, Vlado Gudelj, Karpin ou un Míchel Salgado de despedida antes de ser fichado polo Real Madrid entoaban o cántico nun clima máis de padecer que de ledicia. A histórica actuación foi recollida pola TVG nun informativo onde tamén conectaron coa fonte de Cuatro Caminos na Coruña, baleira despois da clasificación do Deportivo.
A versión de A Roda saldaba unha débeda case histórica. A formación de orixe tabernaria puxera voz ao Himno del Celta reproducido polos altofalantes de Balaídos dende os anos 80 e oficializado o 10 de setembro de 1994 ante o Athletic Club.
Unha lenta recuperación
«Intrepidez, valor, osadía» foron os principais sinónimos de afouteza antes de chegar á súa acepción actual. «Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades» explica a Real Academia Galega antes de engadir outra. «Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme».
Este termo foi recollido dende 1913 nunha quincena de dicionarios por nomes tan ilustres coma Xosé Filgueira Valverde ou Leandro Carré Alvarellos. Pola contra, o seu uso na lingua oral ou escrita foi moito máis residual e mesmo na hemeroteca de FARO DE VIGO o termo apenas aparece citado unha ducia de veces durante o século pasado.

Lona con el lema "Afouteza e Corazón" en Balaídos en 2014 / José Lores
Pero algo mudou no novo século grazas ao fútbol e ao Celta en particular. A enorme lona pendurada da grada de Tribuna no 2014 co lema «Afouteza e Corazón» consagrou, agora si, a expresión como lema do club. Peñas de afeccionados e camisolas deron paso a centos de tatuaxes cunha palabra que hoxe goza do mellor estado de saúde da súa historia.
Palabra do ano no 2017
A súa consagración e salto internacional chegaría no 2017. Ante as semifinais da Europa League contra o Manchester United, o club elixiu o lema «This is Afouteza» para pelexar polo seu segundo título continental tras a Intertoto do ano 2000. As rúas de Vigo enchéronse entón de carteis, lonas e outras imaxes promocionais cun lema que sorprendeu tamén aos hooligans ingleses.

Carteis co lema "This is Afouteza" nas rúas de Vigo no 2017 antes da semifinal ante o Manchester United / Marta G. Brea
O 27 de decembro, a Real Academia Galega —xa presidida polo celtista Víctor Freixanes— elixía Afouteza como palabra do ano, ao recoller o 48% dos votos dos 6.000 rexistrados nunha enquisa pública.
No 2021 esta palabra sería escollida tamén para darlle nome á nova Cidade Deportiva construída polo equipo na parroquia mosense de Tameiga.
A «xubilación» do himno pola Oliveira
Se as vodas de platino do club serviron para dar o salto ao galego no himno orixinal, esta aposta pola lingua quedou reflectida co centenario. Despois de dous anos de ruxerruxes e debate, C. Tangana presentaría unha Oliveira dos Cen Anos composta íntegramente nesta lingua.
«El Madrileño» recoñeceu na presentación da peza que para el ser celtista era un acto «subversivo». Para a nova composición fixo todo un «Erasmus» na música tradicional galega da man de Keltoi, As Lagharteiras, Xisco Feijóo ou a Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional. Esta obra coral con centos de celtistas «tomando» a ponte de Rande no seu videoclip substituíu dende o comezo da tempada 2023/24 unha melodía que mesmo se aprende nas clases de música dos colexios coas flautas.
Para celebrar esta nova etapa dun himno xa atemporal, hai agora dous anos, A Roda decidiu «modernizalo» lanzando unha nova gravación na que predominan as guitarras eléctricas. A principal diferenza, máis aló duns versos introducidos polo medio, é a ausencia da voz de Fito Domínguez. «A Voz» do celtismo faleceu no 2012, meses despois de celebrar no céspede de Balaídos o último ascenso do club a Primeira.
O propio RC Celta lanzou entón a través das súas redes sociais esta nova versión «dun cántico que é parte da nosa identidade e soará sempre en cada partido en Balaídos». Porque o celtismo segue a presumir dun amplo repertorio musical e, a diferenza doutras afeccións, cunha forte presenza do galego.
Suscríbete para seguir leyendo
- Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro habilita una zona específica para pacientes de salud mental
- Condenan a la CIG a pagar 15.000 euros a una trabajadora por negarle la reducción de jornada para el cuidado de sus dos hijos
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Povisa ficha al doctor Manuel Ruibal para impulsar la cirugía robótica con el sistema Da Vinci Xi
- Povisa sufre su mayor fuga de usuarios con casi 8.000 solicitudes de salida en el mes de elección de hospital
- El Celta arrancará la próxima temporada con más espectadores en las gradas de Balaídos: el Concello de Vigo anuncia una importante novedad en el estadio
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Profand deja ver por fin el viejo Banco de Galicia: la joya de Pacewicz reaparece en pleno centro de Vigo