Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recensión literaria

Un país, un equipo, o seu libro

O salón rexio de ASede acolle este xoves (20:00) a presentación de «Un equipo para un país». Unha obra monumental, escrita por Xavier Sánchez Pazos, e apoiada por Río1923, que explora como nunca antes este século de vencello entre Galiza e o Celta

Detalle da portada do libro.

Detalle da portada do libro.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Armando Álvarez

Armando Álvarez

Vigo

«Tratei de explicar o porqué», resume Xavier Sánchez Pazos. Fala de arelas e soños. De persoeiros e procesos. De acordos e discrepancias. De feitos e o relato que se construiu sobre eles. Da esencia do Celta como expresión da Galiza. Dun club fundado coa vontade de representación dun pobo e as contradicións, fraquezas e redencións nese devezo que dura xa máis dun século. Ven de conseguilo. «Dábame para un ensaio de 40-50 páxinas, pero unha vez comecei vin que podía escribir unha historia completa e diferente do Celta e xa me lancei», engade. As 462 páxinas de «Un equipo para un país», con prólogo de María Sabarís, testemuñan o éxito da súa teima. A presentación celebraráse este xoves (20:00), no salón rexio da sede de Príncipe.

A amplitude da obra abraia e cecais amedrente ó peso. Non debe. O feitizo irrompe ben cedo, ó outro lado da portada. Obra monumental, exhaustiva, pero tamén áxil na súa estrutura, ben equilibrada e fermosamente narrada, cun rigor que non afoga a fluidez da súa prosa. O seareiro emocionaráse. O intelectual reflexionará. O cidadán sentiráse atinxido. Todas esas perspectivas que en realidade conviven en cada un de nós; os que se reclaman celtistas... e os que non.

Ben sabe o autor que «Un equipo para un país», subtitulado «O Celta e a galeguidade», afronta a sospeita inmediata noutras afeccións dunha cobiza colonizadora e a prevención dos desinteresados no fútbol ou alporizados coa dimensión que ten acadado. Prexuízos desmentidos, moi alonxados da creación que Xavier Sánchez Pazos entregou ó prelo.

Este é un ensaio de tese que se cuestiona a sí mesma e que reflicte as antíteses. Lúcido, autocrítico, respectuoso, aberto a todas as voces sobre un impresionante aparato documental. O autor entrevistou a 24 persoas, consultou case 80 libros, esculcou 14 hemerotecas e navegou polas webs, tamén coa axuda de amigos e colaboradores. E dixeriu ese inxente material cun metabolismo de seu, sensato e sensible.

Polas súas liñas desfilan xogadores e presidentes, políticos e apóstolos. Rádianse partidos e se revelan segredos. Escólmanse as anécdotas coñecidas e saen á luz as apenas murmuradas. Feitura, en suma, tan improbable como imprescindible, dun politólogo estrito, dun historiador preciso, dun contacontos ameno, dun pai orgulloso, dun seareiro esforzado. Por sobre todo dun home namorado dende neno dun país e do seu equipo. Este é o seu libro.

Tracking Pixel Contents