Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Campo do fragoso

500 con Aspas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manuel Bragado

Manuel Bragado

No partido 500 de Iago Aspas coa elástica celeste, o cadro de Claudio Giráldez nun gran partido fracasou porque a raíña Fortuna, cuxa ruleta distribúe caprichosamente os bens e os males, preferiu entregarlle no derradeiro minuto o tesouro dos tres puntos ao equipo de Diego Simeone. Explicación mitolóxica que atopamos para explicar o sucedido na noitiña do pasado xoves no coliseo do Fragoso, onde todo debería ter mudado se no minuto 41 da primeira parte o noso Merlín de Moaña axustase apenas dez centímetros á dereita o seu xutazo dende a frontal ao pao, que detivo de forma asombrosa o gardameta colchoeiro, tras unha combinación con Borja Iglesias, o noso nove, con quen tan ben se entende. Unha xogada que, xunto á oportunidade fallada no 89’ a porta baleira por Javi Rodríguez, determinou o resultado dun partido no que os de Aspas mereceron a vitoria (ou canto menos a dignidade do empate) porque atacaron mellor, sobre todo na primeira parte, e defenderon de forma eficiente (mellor ca ningunha outra vez no que vai de liga) até o desafortunado minuto 90, no que por primeira e única vez funcionou a conexión Griezmann e Julián Álvarez, dinamitando o dispositivo creado con tanta paciencia e disciplina por Giráldez. Unha desgraza, outro inxusto agasallo da deusa Fortuna que premia, como tantas outras veces, a equipo tan vampírico e antipático como o de Simeone.

E no 500 de Aspas, a lenda que representa hoxe o celtismo, o mellor xogador da historia do Celta –a piques de superar a marca de partidos de Manolo “o gran capitán”, o heroe do Celta da miña infancia– foi substituído exhausto no 83’, despois doutro partidazo no que correu coma un xuvenil, pelexou coa incomoda defensa atlética (toleando a Reinildo) cada un dos balóns, dirixiu a recuperación tras a perda e encarou a Oblak até en tres ocasións. Derrota que non embaza a excelente actuación de todo o equipo castigado de forma moi severa por un lixeiro desaxuste na defensa dun balón lateral, erro frecuente que Claudio aínda non foi capaz de remediar. Xaora, a pesar de resultado tan doloroso, que decontado encheu de melancolía o celtismo dos padeceres afeito a estas desgrazas, non invalida nin moito menos a proposta do adestrador de Cans e o seu concienciudo cadro técnico, capaz de preparar cada partido como se dunha final se tratase, como se fose un caso único e singular, ofrecendo o once máis axustado posible ao perfil do contrincante, sorprendente metodoloxía táctica de rotacións constantes que comeza a ser envexada e estudada polos seus rivais.

Secasí, para facerlle fronte á visita do difícil Atlético, Claudio preparou unha defensa con tres centrais veteranos, que durante 90 minutos funcionou coma un reloxo, na que destacou Starfelt, que anulou a Sorloth, o perigoso xigante noruegués, e nas que uns magníficos Marcos Alonso e Manquillo mantivéronse firmes na contención e xenerosos no ataque. Como acertada foi a incorporación a banda dereita de Carreira que creou o pánico atlético cos seus pases da morte e de Fran Beltrán, capitán durante os minutos finais, no medio centro atrasado, que deixou unha das mellores actuacións que lle recordamos proporcionando unha moi boa saída ao equipo e unha fluidez moi valiosa. Proposta claudiana que funcionou até que na segunda parte Simeoni introduciu os seus primeiros trocos, coa entrada de Julián Álvarez e Riquelme, cos que os colchoeiros gañaron presenza (e perigo) nas inmediacións da área celeste. Movemento ao que respondeu Giráldez coa incorporación de Douvikas e Alfon, que por desgraza non melloraron a eficacia atacante celeste, e, quizais un pouco tarde, de Javi, Damián e Ilaix, coa intención de afrontar con máis músculo os decisivos derradeiros minutos.

A desafortunada derrota do partido 500 de Aspas non embaza, tampouco, a traxectoria do dianteiro de Moaña, en magnífica forma, que aventuramos escalará ao longo desta campaña posicións na táboa de goleadores históricos da Liga, entrando a formar parte do selecto grupo dos vinte primeiros de todos os tempos, o segundo futbolista galego, despois de Manuel Fernández “Pahiño”, o dianteiro vigués de Navia lector de Dostoieski. Escalada da nosa primeira figura que agardamos continúe o domingo, no que o míster porriñés introducirá novas sorpresas no once de gala para facerlle fronte ao temible “Eurogirona” e coa cuarta vitoria consolidar ao Celta no medio da táboa.

https://bretemas.gal/

Tracking Pixel Contents