Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

campo do fragoso

O Celta na encrucillada

"A pesar de que aparentemente leva o control dos partidos, este Celta de Escribá apenas ataca"

Denis Suárez conduce a bola diante do noruegués Odegaard. // José Lores

Tras a derrota coa Real Sociedad un Celta moi deprimido enfronta a primeira encrucillada desta tempada a de continuar ou prescindir do seu actual adestrador. A táboa clasificatoria e moi teimuda e transcorrida xa unha curta parte da liga (dez partidos) a puntuación é de descenso e o xogo está moi por baixo das expectativas creadas tras a operación retorno dos canteiráns expatriados. Unha situación máis crítica que a superada por Escribá hai tres semanas cando cun xogo moi semellante e idéntica proposta táctica o Celta gañou ao Athletic Club, grazas ao primeiro (e único) gol de Iago Aspas. Unha derrota diante dunha Real, que soubo agardar a súa oportunidade, encaixada con certa indiferenza por unha afección moi fría, decepcionada e un chisco resignada, diante dun xogo tan plano e aburrido que (por algúns xestos captados na lameira) tampouco parece convencer por igual a todos os xogadores.

Con Rafinha e Kevin lesionados na bancada, Escrivá sacou no equipo de gala a oito xogadores que pasaron pola Madroa, colocando por vez primeira a Pape Cheikh como pivote defensivo e recuperando a Brais para artellar con Mallo a banda dereita. Porén, iso apenas mudou o debuxo táctico ao que se aferra Escribá dende a súa chegada. Unha proposta que certo é, tanto en Balaídos coma fóra de casa, permite ao Celta competir polo control no campo propio, utilizando centos de pases curtos horizontais (velaí as enganosas estatísticas de posesión), mais que polo momento resulta insuficiente para xerar as superioridades imprescindibles para xutar a porta (sendo moi optimistas) unha media ducia de veces ao longo dos noventa minutos. Ese é o caderno de Escribá capaz de desfacer en seis meses toda a tradición de xogo atacante que con máis ou menos fortuna, con altos e baixos, desenvolveu o Celta dende o último ascenso, hai sete tempadas. Como tantos celtistas resulta doloroso recoñecer que esta tempada para a maior parte dos rivais que visitan Balaídos o Celta é un equipo previsible no seu xogo como tan asequible para roubarlle os tres puntos.

Non seríamos xustos se non recoñecésemos que a derrota de onte estivo moi condicionada pola expulsión no minuto 65 de Pape Cheikh, quen até entón conseguira secar a Odegaard e a toda a liña de creación txuri urdin. A pesar da entrada de Beltrán, que mellorou as prestacións defensivas de Denis (mágoa que o rapaz de Salceda aínda non atopase o seu sitio!), o Celta en inferioridade numérica non foi capaz de suxeitar ao noruegués que no 82 conseguiu pasar entre liñas ao sueco Isak, que acababa de entrar na lameira, para que este se anticipase a Aidoo e Sáenz, xutando coa perna esquerda soíño diante de Rubén. Gol inapelable que puido repetir pouco despois nunha acción semellante, mais nesta ocasión o noso Rubén rexeitou o seu xute, noutra das súas intervencións extraordinarias.

Unha derrota que puido ser evitada, se os de Escribá tivesen máis cobiza e máis acerto na definición durante a primeira parte na que Santi Mina dispuxo de até tres ocasións claras, tamén todo o saldo ofensivo celeste do partido. Mágoa que Santi non estivese fino cando no 34 encarou en carreira a Remiro, nin que un minuto despois cabezase preto do pao dereito un saque de recanto de Denis ou que no 41 enviase a cabezada moi alta tras un centro de Olaza dende a esquerda, finalizando a mellor xogada de Aspas (moi contrariado e nervioso) pola banda contraria.

A pesar de que aparentemente leva o control dos partidos, este Celta de Escribá apenas ataca, polo que non resulta estraño que marcase só cinco goles en dez encontros, a cifra máis baixa da categoría, só igualada polo Leganés e polo Espanyol. Como non se pode ocultar tampouco que ten un problema de identidade do seu xogo, atribuíble, probablemente, a unha incompatibilidade entre o esquema ao que se aferra con teimosía o técnico valenciano e o tipo de xogadores dos que dispón esta tempada. Un nobelo que non pode desenguedellarse máis alá desta semana decisiva na que xogará en Sevilla co Betis e en Balaídos co Xetafe. De como se resolvan estes dous partidos dependerá tanto o futuro de Escribá como os obxectivos do equipo nesta liga. O Celta chegou a primeira encrucillada e debe escoller cal vai ser a súa deriva.

Compartir el artículo

stats