18 de agosto de 2019
18.08.2019
campo do fragoso

Corazón tan branco

18.08.2019 | 03:08
Momento en el que Estrada Fernández expulsa a Modric. // Ricardo Grobass

Un Celta aínda moi fóra de punto foi pouco rival para un Real Madrid que gañou con máis facilidade da prevista o encontro de apertura da liga en Balaídos. Unha derrota que, ademais dos méritos do cadro de Zinedine Zidane, se pode explicar tamén polas importantes ausencias coas que onte debutou o cadro celeste, unha por liña, Mallo na defensa, Okay na medula e Mina na dianteira, así como pola desafortunada arbitraxe de Javier Estrada Fernández, que moito enfadou a bancada co seu aparente corazón tan branco.

E abofé que na primeira parte as decisións arbitrais condicionaron o marcador, tanto dende a tarxeta amarela a Kevin, transcorridos apenas sete minutos [severidade que, sen embargo, o colexiado nunca tivo coas entradas de Odriozola sobre Denís], como ao feito de que cinco minutos despois non sinalase a falta de Casemiro sobre "Toro" Fernández, o que [entre as protestas dos celestes] permitiu a Marcelo que servise sobre Bale para que o galés canease e centrase para que Vinicius abrise a táboa de marcas. Como determinante foi a decisición do VAR de anular un gol ao Celta, a piques de rematar a primeira sesión, semella que por un milimétrico fóra de xogo de Iago Aspas antes de que Denís Suárez e Odriozola desputasen a pelota. Unha anulación tan incomprensible como sospeitosa, máis aínda cando na mesma xogada o astro de Moaña tamén fora derrubado na área pequena, o que non lle impediu dende o chan pasar coa biqueira sobre Brais Méndez para que o de Mos rematase a rede.

No entanto, sería inxusto atribuír ao colexiado catalán a causa do fracaso galego, xa que os de Escribá sempre foron un paso por detrás dos de Zidane que souberon definir mellor nos momentos decisivos. Certo é que o Celta tivo a posesión do balón durante a maior parte do partido e gozou dalgunha boa oportunidade para igualar. Na media hora de xogo "Toro" Fernández, aínda moi despistado, non chegou a un gran servizo de Aspas, desviado coa punteira por Varane, unha bola que xa criamos dentro da portaría. Mais tamén o é que o gardameta Rubén fixo varias intervencións extraordinarias, a xutes envelenados de Modric, Benzema e de Bale, en dúas ocasións, un xogador o galés que toleou polas bandas aos defensores galegos.

Despois da reanudación, foi cando funcionou mellor a sociedade artística que Denís e Aspas montaron na banda dereita, vía pola que neste período chegaron as mellores oportunidades celestes: un remate en carreira de Iago e unha cabezada magnífica do central Araújo, ambas as dúas salvadas por Curtois in extremis, como un remate de Brais que salvou Casemiro na liña de meta. Xaora, foi un imprevisto o que volveu mudar a deriva do partido, a intervención do VAR no minuto 56 que obrigou ao colexiado a amosar o cartón vermello a Modric por pisar o talón de aquiles a Denís. En inferioridade numérica, o Real aproveitou a ausencia de intensidade celeste para imprimir unha marcha máis e procurar a cabeza de Benzema. Nun deses envites, tras unha ao pao do francés, Kroos enviou dende trinta metros un trallazo que se coou pola escuadra. Un golazo fermoso, inesquecible, que por riba deixou groggy aos nosos.

A pesar de que faltaba aínda media hora, o Celta foi incapaz de reaccionar, tanto na lameira como no banco, onde non se produciron nin cambios de xogadores nin no caderno do adestrador. Un conformismo que aproveitaron os de Zidane para que Lucas Vázquez marcase o terceiro e de paso que o rapaz de Curtis para vergonza dos afeccionados galegos demostrase o seu escaso fair play. Co partido pechado entraron Pape (84') e Iker Losada (88') que por ventura revolucionaron os últimos minutos. Da colaboración de ambos os dous canteiráns naceu o excelente gol da dignidade, co que o rapaz de Catoira (18 anos) inaugurou a súa estatística como goleador en Primeira.

Esta primeira derrota abre algunhas esperanzas, como a gran calidade de todas as evolucións de Denís Suárez e a enerxía que lle imprimiu ao equipo en apenas dez minutos Pape, como tamén algunhas dúbidas, sobre todo as relacionadas coa preocupante febleza do equipo cando non ten a pelota e coa escasa flexibilidade do debuxo da medular no que continúa teimando Escribá. En todo caso, un Celta en desenvolvemento que ten moito aínda por mellorar e consolidar.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03"> bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook