17 de febrero de 2019
17.02.2019
campo do fragoso

O Celta na UCI

17.02.2019 | 03:11

O peor do que sucedeu onte en Balaídos non foi a derrota sen paliativos do Celta fronte a un Levante mellor nin sequera o avultado da táboa de marcas, 1-4. O peor foi que a bancada quedou frustrada contemplando un Celta desquiciado, desorientado, impotente, conformista presentando a súa firme candidatura ao descenso de categoría. E onte non apareceron os fantasmas do VAR nin arbitraxes severas (co noso Celta sempre o foron) nin se pode xustificar a derrota polas ausencias de Maxi e Aspas, os dianteiros sobre os que Felipe Miñambres deseñou esta tempada o proxecto, os seus moi numerosos descartes e as súas polémicas fichaxes. A bancada tomou conciencia onte que o Celta padece unha doenza severa que pode levalo a Segunda. O que son palabras maiores para o futuro do propio clube, cando vive unha das etapas de maior distanciamento entre a propiedade e a afección.

Unha doenza agravada esta semana por dúas crises que danaron máis esta precaria saúde. A primeira cando o xoves o PP volveu monopolizar a sede do clube de Príncipe para lanzar a candidatura do seu presidente, superando así a liña do pluralismo político do clube fundado en 1923 por Manuel de Castro Handicap e outros galeguistas, unha fronteira que o propietario da SAD ten obriga moral de respectar, por moi respectables que sexan as súas afinidades políticas, tanto como as de milleiros de celtistas. A segunda, esta derrota tan contundente contra un rival directo na loita pola permanencia, que supuxo a perda real de sete puntos, o que deixa aos de Cardoso en caída libre e á bancada do Fragoso angustiada.

Confeso que antes de comezar a matinal non animaba ao optimismo a enésima ocorrencia do adestrador de Trofa na confección do once inicial. Colocar a Brais Méndez como referencia en punta e confiar a Jozabed e a Fran Beltrán o liderado do xogo foron decisións arriscadas que apenas tardaron vinte minutos en demostrarse moi desafortunadas. O tempo que tardaron os visitantes en que Rochina gañara unha desputa aos nosos mediocampistas no tres cuartos celestes e cun pase longo pillase as costas dos centrais, entre os que apareceu o veterano Morales para bater a Rubén a pracer. Un tipo de xogada que se repetiría ao longo do partido grazas á intensidade e ás axudas dos valencianos capaces de gañar practicamente todos os duelos aos galegos, para os que a lameira se fixo moito máis grande que os seus azos.

Ben é certo que antes de que marcasen, Boufal xutou con intención sobre o porteiro, tras un dos seus fermosos caneos, capaces aínda de provocar o sorriso da bancada. Perigo que se repetiría vinte minutos despois, cando o marroquino enviou a Mallo un balón gañador que o de Marín rematou (o mellor que puido) sobre o porteiro nas proximidades da área pequena. Unha xogada onde puido estar o empate, mais que demostraba a carencia total de referencia atacante dos nosos.

Dúas xogadas que resumen todas as ocasións celestes, moi superados polos levantinistas que despois dun paradón de Rubén aumentaron, antes do descanso, a diferenza grazas a unha cabezada de Coke ao segundo pao, que rematou sen oposición ningunha un saque de recanto. Un partido liquidado ao comezo da reanudación, cando foi expulsado Boudebouz, tras un entradón só atribuíble á falta de concentración do debutante. Como sucedera en Xetafe, en inferioridade numérica o Celta foi máis vulnerable, ao que pouco axudaron os trocos de Cardoso, superado polas contrariedades.

Coa bancada en estado de shock, cando algúns afeccionados apuparon ao presidente ou aproveitaron para ir xantar, a ferida agravouse co terceiro do Levante, outra collida de costas da liña tres centrais e coa vergonzosa desputa entre Brais e Boufal, con 0-3 e faltando apenas dous minutos para a conclusión, para dirimir quen tiraba un penalti (dubidoso), que sería transformado polo internacional de Mos. No entanto, o Levante aínda tería tempo de redondear o resultado con outro caroliño que deixaba ao Celta xa na UCI.

Non quero ser agoreiro, pero o Celta vai telo difícil para evitar o descenso. Nin sequera co regreso de Aspas ou coa mudanza de adestrador vai ser doado remediar a doenza que padece. Convén lembrar a frase de Alfredo Di Stéfano, "ningún xogador é tan bo como todos xuntos". Como convén non esquecer que a doenza do Celta, desde a marcha de Eduardo Berizzo, ten moito que ver, roubándolle a frase ao seu mestre Eduardo Bielsa, "coa perda de identidade do proxecto, dos argumentos que o sosteñen, do desenvolvemento da idea". Carlos Mouriño sabe que nos soños comezan as responsabilidades. O Celta é un soño case centenario de milleiros e milleiros de celtistas.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03"> bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook