16 de diciembre de 2018
16.12.2018
CAMPO DO FRAGOSO

Paciencia

Paciencia é a palabra que mellor representa o vivido polo Celta na actual tempada. Paciencia como a "calidade de quen sabe soportar as incomodidades sen se queixar"

16.12.2018 | 03:08
Boufal intenta driblar a los defensas del Valladolid. // José Lores

Paciencia é a palabra que mellor representa o vivido polo Celta na actual tempada. Paciencia como a "calidade de quen sabe soportar as incomodidades sen se queixar" (primeira das acepcións do "Dicionario Xerais da Lingua"); mais tamén como a "calma para facer as cousas que requiren moita atención" (segunda das acepcións do mesmo dicionario). Paciencia para sufrir os meses de formación no fútbol europeo recibidos en Vigo de Antonio Mohamed, que coa excepción daquel partidazo co Atlético de Madrid, deixou ao Celta sen compás, unhas veces á deriva dos ventos regañóns e outras a mercede das xenialidades da súa dianteira premium. Xaora na rúa do Príncipe, e xa non foi sen tempo, recuperouse a mesura e dende hai menos dun mes a paciencia na circulación do balón é o que mellor identifica o xogo do Celta de Miguel Cardoso. Tras tres meses estragados, o cadro dos xogadores celestes volve ser un equipo que intepreta de forma solidaria unha pauta recoñecible, o que paseniño, paseniño, devolve ao celtismo aos territorios da confianza e da esperanza.

E abofé que no partido fronte ao difícil Leganés de Mauricio Pellegrino o Celta fixo un encomiable exercicio de disciplina e orde táctica, baseado nunha querenza obsesiva por atacar e defender cunha bola que saía circulada sempre ("sempre é sempre") dende as biqueiras de Rubén. Un Celta que recuperaba de forma teimosa a confianza nas posibilidades do seu xogo de toque, o "xogo de salón" que tanto gusta en Balaídos dende hai dúas décadas, mesmo a pesar das dificultades que supoñía tentar derrubar así os dous valados construídos polo adestrador arxentino para protexer o seu gardarredes. Mágoa que semellante empeño celeste, onde non faltaron nin as oportunidades claras de gol nin escintilacións de xogo de moitos estralos, se concretase apenas nun empate. Un resultado que soubo a pouco para os moitos méritos dun equipo liderado pola afouteza e calidade dos cinco canteiráns (Rubén, Mallo, Costas, Brais, Iago), indiscutibles no esquema do novo adestrador.

Tras máis dunha década de formación como técnico, asumindo distintas responsabilidades, Miguel Cardoso, de quen se di que posúe grande intelixencia emocional para empatizar co seu vestiario, sabe que o banco do Celta é unha oportunidade de ouro na súa traxectoria profesional. E polo que levamos visto en apenas catro partidos o de Trofa está disposto a non perdela e apostar con todas as consecuencias polas súas conviccións: un obsesivo perfeccionismo defensivo e o control da pelota como o mellor xeito de procurar as situacións de superioridade.

E abofé que no serán do venres o Celta abraiou aos visitantes cunha posesión do oitenta por cento, o que lle permitiu xerar media ducia de ocasións de gol desas de pé de banco, que só unha excelente actuación de Cuéllar e un chisco de mala fortuna impediron que chegasen a modificar a táboa de marcas. Como tamén foi sobresaliente o traballo defensivo de todo o cadro, a pesar dos dous remates envelenados de Em Nesyri, por fortuna moi ben chapados por Rubén. Un labor defensivo, que por segunda vez consecutiva consegue en Balaídos manter a porta cero (un dos primeiros obxectivos de Cardoso), onde comezan a destacar a solvencia de Araújo e Okay, o venres incrustado entre os dous centrais, dous xogadores claves nesta nova etapa.

Con todo, sería inxusto rematar este comentario sen lembrar dous momentos inesquecibles do partido, dúas desas xogadas que definen ao fútbol como unha das Belas Artes emerxentes. Refírome á caneada de Boufal, transcorrido apenas un cuarto de hora, na que deitou na área a tres rivais e foi finalmente derrubado por Cuéllar cando xutaba. Un penalti que o VAR non quixo ver. Como na segunda parte foi inesquecible a cabezada de Maxi á cruceta, tras un centro excelente de Juncá, un remate de execución perfecta e dunha beleza superior. Dúas pezas que quedan para a lembranza dun partido no que de novo brillou Brais, liderando o xogo de ataque celeste, e no que Iago Aspas demostrou outra vez máis ser o xogador total, capaz de ofrecerse en calquera espazo da lameira. Con este cadro actual e coas conviccións e disciplina contaxiadas polo profesor Cardoso, penso que abonda cun chisco de paciencia para que o noso Celta prenda no corno da lúa.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03"> bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook