20 de mayo de 2018
20.05.2018
campo do fragoso

Pouco que celebrar

20.05.2018 | 03:14
Daniel Wass. // Alba Villar

Cunha vitoria merecida diante do Levante rematou unha tempada na que o Celta de Juan Carlos Unzué ofreceu a súa afección poucos motivos para celebrar. Os catro goles de Iago Aspas e Maxi Gómez, a extraordinaria parella de goleiros nosos, autores de corenta dos cincuenta e nove tantos celestes desta liga, aliviaron unha decepcionante xeira de resultados na decisiva cuarta fase da competición, na que o Celta apenas obtivo once dos trinta puntos en xogo, o que o descartou xa hai varias xornadas da loita polas posicións europeas e ao mesmo tempo asegurou a súa continuidade na división dos mellores.

Sei que non foi nin a clasificación da metade da táboa para abaixo, nin a imposibilidade de acadar os cincuenta puntos nin sequera o triste papel dos nosos lonxe do estadio de Balaídos (a última vitoria foi hai catro meses en Donostia) a causa da suave melancolía padecida polo celtismo este campionato. A cerna da desconexión emotiva da afección co Celta de Unzué estivo, a pesar dalgúns encontros excelentes na casa, como o empate diante do Barcelona, na raquítica identidade do seu xogo, o mellor palmarés que o equipo de Berizzo ofreceu ao celtismo durante tres tempadas. A pesar de obter catro puntos máis (49) e marcar seis goles máis (59) e encaixar nove goles menos (60), sen dúbida mellores cifras que na tempada anterior con Berizzo, o cadro de Unzué non será lembrado nin pola excelencia nin pola versatilidade do seu xogo, o que en Balaídos se paga moi caro, a prezo de rianxeira. Unha escolla esixente do celtismo que o adestrador navarro con seguridade non esquecerá.

Por ventura, coincidíu o peche do campionato co regreso á lameira de Iago Aspas, que aspiraba a levar para a ría o seu segundo Zarra, como mellor goleiro español. E abofé que o merlín de Moaña o conseguiu onte con outro recital marabilloso, que o consolida como dianteiro indiscutible na lista de Lopetegui para Rusia, e como unha lenda na historia do Celta. Tras o precioso gol de Rochina, aos 11', un xute dende a frontal, inalcanzable para Sergio, precedido dunha elegante reviravolta, coa que se adiantaban os granotas, Aspas conduciu a un Celta que con Jozabeb e Wass nas bandas adquiriu unha profundidade descoñecida. Así chegou o primeiro gol de Maxi, no 28', nunha xogada iniciada por Lobotka, que Wass, moi activo no xornada da súa previsible despedida, abriu sobre Iago quen se internou na área, caneou a dous defensas, gañou a liña de fondo e dende alí asistíu ao ariete noso para que este empurrase sobre a rede aproveitando a diletancia do porteiro visitante.

O gol do charrúa funcionou como acicate e o Celta conducido por un Iago pletórico despregou até o descanso os seus mellores minutos. No 33´ mereceu marcar cun xute en carreira de Jozabed, tras recibir outra asistencia de ouro que Aspas lle serviu na banda dereita. Xogada que o astro do Morrazo repetiría un minuto despois dende a frontal, finalizada nesta ocasión por un xutazo de Wass ao longueiro. Gol que chegou, por fin, no 40', cando o noso pichichi marcou dende a área pequena tras dúas paredes pola banda esquerda que trazou cun Jozabed animadísimo, nun dos seus mellores partidos.

Co inicio do segundo acto o Celta pretendeu liquidar o partido cunha gran xogada de Maxi Gómez, que tras roubar a bóla ao defensor centrou de forma moi certeira para que Iago acadase a pracer o seu gol vixésimo terceiro no campionato, unha cifra para a historia. Caroliño que deu azos aos celestes que procuraban en cada chegada atopar a Aspas para que este culminase unha nova tripleta. No entanto sería Maxi quen obtería o cuarto no 62', tras unha soberbia cabezada cruzada e cara abaixo, aproveitando un saque de recanto de Wass. O xove ariete charrúa pechaba así unha primeira tempada extraordinaria, demostrando que cos seus dez goles de cabeza é, respectando os logros do seu compatriota Stuani, o mellor goleiro de toda a liga nesta modalidade.

Tras a substitución de Aspas e Jonny, o Levante tirou de orgullo coa intención de maquillar un resultado que podería ser aínda máis avultado. Esa afouteza levantinista e unha certa apatía defensiva celeste facilitou o gol de Morales no 73' co se pechaba o catro dous na táboa. O partido esvaraba no conformismo e unha tempada escasamente emotiva, sen grandes desgustos e contadas ledicias, finalizaba no municipal do Fragoso. Pouco que celebrar para un Celta que dende inicio de liga semellaba aspirar a máis intensas emocións. Cun novo cadro técnico e unha previsible importante remuda do cadro de xogadores, agardemos recuperar o palmarés do mellor xogo a vindeira tempada. Esa sempre foi a ilusión inquebrantable do celtismo.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03"> bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

EL CELTA, EN CIFRAS

Celta de Vigo

Toda la información sobre tu equipo

Consulta aquí el calendario, las estadísticas, los jugadores, el resultado de los partidos, los directos... Todo a tu alcance


plantilla del Celta

El Celta, uno a uno

Consulta aquí la plantilla del cuadro celeste: un repaso a todos los jugadores del Celta y a sus estadísticas personalizadas


Enlaces recomendados: Premios Cine